Doce convocatorias por un importe total de 151.500 euros suman a nova edición de premios culturais da Deputación da Coruña que recoñecerá traxectorias e obras en distintos ámbitos culturais, do literario ao plástico pasando polo ensaístico ou os proxectos feministas. Ábrese agora o prazo para presentar obras e propostas ás doce convocatorias cunhas bases que saen publicadas no BOP deste 15 de marzo.
Manuel Murguía de Ensaio, Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, Luís Ksado de Creación Fotográfica, Rafael Dieste de Textos Teatrais, Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas, Castelao de Banda Deseñada, Andrés Gaos de Composición Musical e Jesús Núñez de Arte Gráfica ademais do Quero Cantar de Música Infantil e Xuvenil e o Premio Begoña Caamaño de Acción Cultural pola Igualdade de Xénero son os galardóns.
"Os premios culturais promovidos desde a área de Cultura da Deputación da Coruña teñen como obxectivo promover e premiar creación cunhas convocatorias que buscan tamén converterse en eventos culturais, arredor dos que xiran actividades de promoción e difusión dos distintos ámbitos", sinala ao respecto Goretti Sanmartín, responsábel da Área de Cultura e vicepresidenta da Deputación da Coruña.