Denuncian un caso de espolio no monte de Santa Trega

Non é a primeira vez que o xacemento arqueolóxico é vítima de "agresións" ao seu patrimonio.
O obxecto do espolio foi un dos elementos que compoñen o forno dunha vivenda no sector 'Mergelina' do xacemento (Foto: Apatrigal).
photo_camera O obxecto do espolio foi un dos elementos que compoñen o forno dunha vivenda no sector 'Mergelina' do xacemento (Foto: Apatrigal).

Segundo denunciou este domingo a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), o xacemento arqueolóxico do monte de Santa Tegra, na Guarda, tería sido obxecto dun "espolio".

Así, o colectivo foi alertado pola veciñanza da desaparición dun dos elementos que conforman este conxunto patrimonial.

"Queremos denunciar un grave feito ocorrido contra o patrimonio arqueolóxico da Guarda. Trátase do espolio dunha peza que formaba parte do forno dunha vivenda no sector 'Mergelina', no castro do monte Tegra", reza a denuncia.

Este tipo de "agresións", prosegue, son unha "mostra da ignorancia e a falta de respecto cara ao noso patrimonio, do cal somos herdeiros e temos a obriga de respectar e coidar".

Outras denuncias en Santa Trega

Mais non é a primeira vez que a veciñanza alerta de malas prácticas no xacemento de Santa Trega.

O pasado ano, Apatrigal cualificaba de "escandaloso e intolerábel" que unha competición de 'trail' atravesase o complexo nun dos seus treitos, "coas persoas participantes correndo por riba dos muros dos castros".

Aliás, uns meses antes este xornal facíase eco das protestas veciñais pola conversión do monte nunha "casa de xantar".

Comentarios