O Demo volve percorrer esta cuarta feira as rúas da cidade de Pontevedra

A Festa do Demo é un exemplo do folclore popular que cómpre manter vivo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento
Unha edición anterior da Festa do Demo de Pontevedra.
photo_camera Unha edición anterior da Festa do Demo de Pontevedra.

Pontevedra terá unha nova oportunidade de confrontar o Demo este 23 de agosto. A popular Festa do Demo volverá sacar a comitiva infernal polas rúas e prazas do centro histórico. Crianzas —e non tan crianzas— deberán aguantar as trasnadas do vermello personaxe, ao tempo que os máis valentes son quen de tirarlle do rabo. 

Ás 12.30 horas desta cuarta feira, o Demo sairá cos seus vasalos desde os arcos de San Bartolomeu para, a continuación, percorrer a zona monumental. Ás 20 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o nomeado percorrido. 

Ás 21 horas comezará o concerto de San Bartolomeu que vai ofrecer a Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo, cos Chichisos e Faíscas da Ponterga, na praza de Curros Enríquez. 

 

A Festa do Demo e os seus 22 anos de historia simbolizan o éxito evidente que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. A Festa do Demo é un exemplo do folclore popular que cómpre manter vivo, ao demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e mostrando, ao tempo, unha preocupación pola etnografía pontevedresa. 

A recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro Pontevedra, boa vila, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela. Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. 

Dominguiños era un aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo. 

 

Comentarios