Lérez Up, o evento de videoxogos e 'cultura friki', regresará a Pontevedra os días 26 e 27 de agosto

O evento, que o ano pasado reuniu máis de 3.500 persoas, contará con 60 postos de pequenos creadores, torneos e concursos de ‘cosplay’.

LérezUp

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá os días 26 e 27 de agosto a segunda edición da Lérez Up, un evento que mesturará torneos de videoxogos, xogos de mesa, cosplay, karaoke, xogos indie, grafiti, manualidades, mangas e animes.

O pasado verán a Lérez Up reuniu máis de 3.500 persoas na súa primeira edición e nesta nova ocasión volverá converterse nun punto de encontro de diferentes asociacións que ofrecerán un amplo abano de actividades para todos os gustos.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Novas tecnoloxías, Anabel Gulías, e as portavoces da asociación pontevedresa organizadora do evento Gaming Troop, Rocío Fernández e Sonia Piñeiro, presentou esta segunda feira esta Lérez Up.

Lores asegurou estar "encantado" de que Pontevedra volva acoller este iniciativa -"Só podo manifestar o meu agradecemento", dixo- e trasladou aos integrantes do Caming Troop por "ser quen de pór en marcha citas como esta".

O alcalde lembrou que o pasado ano quedou "asombrado" pola participación nesta Lérez Up de "tanta xente nova, e non tan nova, non só de Pontevedra, senón de toda a comarca e que quedaron encantados".

Nesta segunda edición, os fans dos videoxogos volverán loitar en torneos como o do 'League of Legends' ou 'Valorant', que xa levan unhas semanas na súa fase previa en liña. Non pode faltar o torneo estatal de 'Smash Bros. Ultimate', que conta nestes momentos con 100 xogadores rexistrados procedentes de todo o Estado e Portugal.

Aproveitando o éxito que tivo na primeira edición, este 2023 manterase a zona de consolas e ordenadores para xogo libre. Os asistentes poderán probar e retarse entre eles coa ampla variedade de videoxogos como o 'Teamfight Tactics', 'Tekken 7', 'Switch Sports', 'Mario Strikers', ou o novo 'Street Fighter 6', entre outros, que contarán con torneos de pequenas dimensións.

Para os afeccionados ao cosplay, repetirase o exitoso concurso onde se premiará á mellor caracterización dun personaxe, valorando a súa actuación, vestimenta e representación. Ademais, o xurado impartirá charlas sobre o mundo do cosplay con consellos e técnicas para iniciarse neste ámbito.

Así mesmo, o evento terá máis de 60 postos formados por pequenos creadores que expoñerán a súa obra e traballo para os máis fanáticos da arte, da ilustración e a artesanía. A Lérez Up bateu un récord de demandas nesta edición, duplicando a capacidade dispoñible en tan só dez minutos desde a súa apertura.

Ademais, a zona de descanso contará con varias 'foodtruck's de cociñas locais no interior do Recinto Feiral e tamén haberá unha zona indie máis completa, onde se promocionarán ata 9 videoxogos creados por estudos independentes e unha zona exclusiva para talleres.

Na programación resaltan a cantidade de charlas, que se centrarán no desenvolvemento de videoxogos, a autoedición, modelaxe e patronaje, ou a xestión do proceso creativo. Nomes como Paula Cheshire, Victor Develops, Luzbel ou AngryYuna compartirán as súas experiencias co público, fomentando un entretemento máis didáctico.

Comentarios