O delegado do Goberno español comprométese ao “financiamento axeitado” da Academia

Unha das demandas históricas da Real Academia Galega, a do seu financiamento, protagonizou a visita do delegado do Goberno español á institución esta terza feira, 25 de xuño. “Comprométome a dar todo o soporte á Academia ante os ministerios para que teña o financiamento axeitado”, expuxo Javier Losada ao rematar o acto.

photo_camera O presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes (esquerda) e o delegado do Goberno español, Javier Losada, este 25 de xuño na sede da institución na Coruña. Foto: Real Academia Galega.

Máis en concreto, a restauración do edificio, a antiga casa de Pardo Bazán localizado na rúa Tabernas da Coruña, ocupou o encontro. “A actuación conta desde hai anos co compromiso do Ministerio de Fomento”, afirmou a propia Academia nun comunicado, “que a comezos de 2018 resolveu o concurso do proxecto arquitectónico. Confiamos en que conte co financiamento preciso nos vindeiros Orzamentos do Estado”.  

Non foi o único elemento tratado na xuntanza entre Losada e o presidente da RAG, Víctor Freixanes. A importancia de apoiar as linguas do Estado foi tamén obxecto da preocupación de ambos os dous. “Tivemos a oportunidade de conversar sobre a posibilidade de que o Estado entenda a significación dun patrimonio común que non é só dos galegos, senón do conxunto dos españois”, sinalou Freixanes.

O propio delegado do Goberno español  expresouse en termos análogos: “Quero trasladarlle ao presidente da Academia e a todos os seus membros, pero sobre todo a todos os galegos, a importancia de facer da nosa lingua un elemento de identidade, solidariedade, cooperación e de facer Galiza, de facer país”.

Comentarios