CONTRACULTURA

Déborah Vukušić, gañadora do VII Torneo de Dramaturxia: "Ofrece unha oportunidade única para visualizar a dramaturxia en bruto"

Déborah Vukušić (Ourense, 1979), actriz, poeta e dramaturga, vén de gañar a sétima edición do Torneo de Dramaturxia da Galiza, incluído na programación da 40ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas que decorreu entre o pasado 25 de xuño e o 8 de xullo, un evento que busca dar a coñecer a dramaturxia galega e crear un nexo entre autoras e público.   
A actriz, directora, dramaturga e poeta Déborah Vukusic. (Foto: Óscar Lourés)
photo_camera A actriz, directora, dramaturga e poeta Déborah Vukusic. (Foto: Óscar Lourés)

—A peza gañadora, titulada Musas do metal, versa sobre a crise creativa dunha autora que, nun soño, esperta no Olimpo para pór unha reclamación. Cal foi a inspiración desta historia?
Pois a máis ardua realidade. Só tiña un mes para a escrita do texto, un tema e unha extensión. Vaia, unha serie de requisitos a seguir. Eu empecei a escribir unha historia e dous días antes da entrega pensei: "Isto non vale para nada", entón volvín comezar. A primeira peza falaba tamén dunha autora que estaba na procura de diferentes temas sobre os que falar, pero non atopaba nela o humor. 

"A Taberna Hardware, Cangas do Morrazo, 2063. Severina, unha líder da resistencia humanoide", o tema ía por aí. Tiven que comezar de novo e a realidade era que non tiña nin idea de que facer. Así que tiven que facer unha chamada ás nosas musas!

—Nesta sétima edición  foi seleccionada por primeira vez para competir, e gaña. Como foi a experiencia?
Convidáronme a participar xa o ano pasado pero non tiña dispoñibilidade. Este ano foi a primeira vez e eu estaba chea de ilusión mais tamén de medo. Gañar? Obviamente, felicidade plena e absoluta, e dalgunha maneira tamén incredulidade. Ao comezo non cres que sexas ti a gañadora, todo semella unha brincadeira. Sobre todo sabendo que estaba Manuel Cortés, de Chévere, que leva toda a vida facendo humor. Estaba J. L. Baños de Cos, que gañou todos os premios do mundo: o Barriga Verde, o Vidal Bolaño... Ana Abal está facendo performance e acaba de gañar unha chea de bolsas de dramaturxia para compoñer...Apareceu un pouco a síndrome da impostora: "Que fago eu aquí?", pregunteime. O peor que levaba era pensar que a mostra estivese falta de humor.

—Como valora o papel de eventos teatrais, como a Mostra de Cangas na promoción da dramaturxia da Galiza?
A Mostra de Cangas é a máis antiga da Galiza, leva uns corenta anos. O papel da mostra para situar o teatro galego na escena nacional e internacional é fundamental. E dentro do sector da dramaturxia, os torneos non son algo moi frecuente, non creo que se organicen en moitos outros lugares. De feito, falaba hai pouco cun amigo, actor e produtor de Madrid, que me dicía: "Que ben, un torneo de dramaturxia, dos de verdade!", como que é algo que non se fai. 

É un papel fundamental o que exerce a mostra de Cangas, en xeral, e o torneo, en particular, porque é a única posibilidade de visualización da dramaturxia en si, en bruto. Acabada de escribir, cunhas bases determinadas moi claras, exponse este texto. Cando chegamos ao torneo, non sabemos que actores ou actrices van interpretar os nosos textos e eles non saben que textos van ter que representar. 

Só temos dúas horas para ler as pezas antes da presentación, polo que non sabes se o resultado do torneo dependerá do talento das actrices e dos actores que nos toquen ou se o público saberá distinguir unha interpretación excelente dunha menos excelente. Ou se será posíbel crear un texto que conteña todos os requisitos para gañar independentemente da interpretación que se faga del.  

Até a lectura do texto non sabes se o público será quen de distanciarse o suficiente para distinguir que parte é interpretativa e que parte é o texto. E no momento da entrega da peza a idea que che vén á cabeza é que precisarías un par de días máis para darlle outra volta á historia. De feito, recordo pensar: "Eu poría outro final". Por iso coido que os torneos que teñen unha data límite a partir da cal non permiten modificar os textos están ben. Se non, coido que estariamos corrixindo arreo.

Comentarios