luns 18/10/21
Retrospectiva do artista arxentino de orixe galega no CGAC

David Lamelas: sinalar unha árbore

O CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, expón até o 3 de outubro unha retrospectiva de David Lamelas, artista arxentino de orixe galega que se converteu, a finais da década de 1960, nun dos máis conspicuos representantes da arte conceptual e nun dos seus máis recoñecidos referentes a nivel internacional. 
Unha das obras na exposición 'Lonxe, América' no CGAC.
Unha das obras na exposición 'Lonxe, América' no CGAC.

O hábitat natural dunha árbore é o exterior: un bosque, unha devesa, unha sabana... Mais se o enxertamos no interior dun museo é quen de se adaptar e continuar medrando, axustándose á nova contorna que o recibe. Se cadra, o hábitat "natural" de David Lamelas había ser algún lugar entre Manzaneda, de onde era a súa nai, e Castro Caldelas, de onde era o seu pai. Mais o artista foi nacer en Bos Aires porque -como tantas outras veces- o golpe de estado de 1936 pasou polo medio e Amelia e José, os seus proxenitores, tiveron que exiliarse na Arxentina. Alí, coma a árbore no museo, Lamelas adaptouse ben: tan ben que se converteu nun artista fundamental, non só no seu país de nacemento, senón tamén no moitas veces confuso bosque da arte internacional. 

A mostra incide especialmente en dous puntos: a importancia do debuxo na súa obra e a relación do artista coa Galiza.

Até o 3 de outubro, o Centro Galego de Arte Contemporánea exhibe unha retrospectiva, Lonxe, América, que mostra o traballo de Lamelas e que comeza precisamente así, cunha árbore introducida nunha sala do museo, un elemento estraño nese entorno mais que fai sentido con todo o que virá a seguir. A mostra incide especialmente en dous puntos: a importancia do debuxo na súa obra e a relación do artista coa Galiza. Ambos motivos se entrecruzan nunha serie de debuxos de principios da década de 1960, realizados pouco despois dunha viaxe iniciática á Galiza -ás raíces da árbore- na que, durante case un ano, buscaron pistas sobre o paradoiro do irmán pequeno da nai, un fuxido ao que non chegaron a atopar nunca. 

Fuxidas

Dalgún xeito, Lamelas foi tamén un fuxido que viviu en Londres, Bruxelas, Berlín, Nova York e París. Ao longo de todo ese periplo, insistiu nunha busca rigorosa que se traduce nunha obra fiel ao seu tempo e que constitúe un dos esteos do que hoxe coñecemos como arte conceptual. Lembremos que son anos en que o debate artístico se centrou en rebordar os límites institucionais, en fusionarse co espazo arquitectónico e co exterior e, sobre todo, en dar fe da desmaterialización da arte: as obras afastábanse dos soportes tradicionais -escultura e pintura- para transformarse en eventos carentes de entidade material; experimentábase con medios como o cinema e a fotografía ou con formas parateatrais como o happening e a performance para definir a arte como acción, como idea ou como proceso.

Resulta curioso observar a actualidade que recuperan moitas destas obras nunha época como a nosa, na que a desmaterialización xa non é unha hipótese, senón unha realidade agora rebautizada como "dixitalización". Por non falar da lectura que se podería facer desta fase na que "todo o que é sólido esvaece no ar", segundo a fórmula marxiana, e que atopa na obra de Lamelas un proxecto utópico apenas enunciado, mais perfectamente perceptíbel na súa vocación de intervención social. 

Porque a obra que vemos tamén está atravesada por outro motivo de "fuxida": a intricada situación política que se vivía a finais da década de 1960 e comezos da de 1970 -e que se traducía na Arxentina na crueldade da ditadura- propiciaba que a arte se preocupasen por analizar a visión da realidade que ofrecían os grandes medios de comunicación e de denunciar a ficción resultante. Ou por denunciar directamente o despotismo  a prepotencia do imperialismo americano e os seus derivados, como fixo o propio Lamelas na obra que expuso na Bienal de Venecia de 1968, Oficina de información sobre a guerra de Vietnam a tres niveis: a imaxe visual, o texto e o audio

Internándonos na exposición, veremos como Lamelas investiga as posibilidades da obra artística de transformar o espazo no que se inscribe (Study of Relationships Between Volume, Space, and Gravity ou Corner Piece); a experimentación coa linguaxe fotográfica na liña "antiartística" que se interrogaba sobre a relación entre arte e realidade; o achegamento á cultura popular (London Friends e Rock Star); a análise da linguaxe cinematográfica a través dunha entrevista con Marguerite Duras; e, en xeral, por ese proceso de desmaterialización que conduce a un interese pola lingüística e a comunicación. 

O reencontro da árbore de Lamelas coa Galiza da que partiron os seus pais talvez teña unha escondida lectura simbólica. Ou talvez sexa só un recordatorio de que as cousas nunca están no sitio na que esperamos atopalas. 

'Publication', unha obra seminal da arte conceptual, agora en galego 

Co gallo da exposición publicarase unha edición en galego dunha das obras seminais de Lamelas, Publication. O libro é unha obra clave da arte conceptual, representativa da introdución da linguaxe oral e escrita no contexto das artes visuais e exemplo dos "libros de artista" creados naquela época, que xogaron un papel fundamental na denominada "desmaterialización" da obra de arte. 

comentarios