Dá comezo na Estrada o festival Converxencias Portugal-Galiza

Un dos pratos fortes da edición será o concerto de Amancio Prada xunto á Orquestra Filharmónica de Braga, Canto D’Aquí e Coro de Pais do Conservatorio Gulbenkian no que será un tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro.
O concerto de Amancio Prada será un dos pratos fortes do festival. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O concerto de Amancio Prada será un dos pratos fortes do festival. (Foto: Nós Diario)

O Festival Converxencias Portugal-Galiza chega á súa décima edición cunha ampla programación cultural na que se combinan música, teatro, danza e literatura, e que se repartirá do 3 de febreiro ao 9 de marzo entre as localidades de Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela. 

Un dos pratos fortes do programa será a actuación do cantautor do Bierzo Amancio Prada, actuará o 25 de febreiro no Teatro Circo de Braga acompañado da Orquestra Filharmónica de Braga, o grupo portugués Canto D´Aquí e Coro do Pais do Conservatorio Gulbenkian, tamén de Braga, no que será un tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro.

Uxía e Adriana Moreira

A programación reúne diferentes persoeiros do mundo cultural das dúas beiras do Miño, como Uxía e Camané -que ofrecerán unha noite de fado-, Adriana Moreira -que presentará o seu novo álbum Conto primeiro-, ou proxeccións de cinema como a do filme galego Eles transportan a morte, de Samuel M. Delgado e Helena Girón, entre moitas outras actividades. 

Promovido polo grupo Canto D´Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o festival comezará este sábado día 3 de febreiro no Teatro Principal da Estrada, cun concerto de fusión tradicional interpretado pola Banda de Música Municipal da Estrada e Canto D´Aquí. 

O broche final a máis dun mes de programación porao outro concerto, o 9 de marzo, neste caso o da Orquestra de Cordofones Tradicionais de Braga e a Orquestra local de Ponteareas, que terá lugar neste concello. 

Comentarios