Culturgal Expandido leva a Vigo unha escolma de música e literatura

Por primeira vez a Feira das Culturas Galegas conta con dúas sedes.
Iolanda Zúñiga
photo_camera Iolanda Zúñiga.

Culturgal chega esta semana a Vigo. A Feira das Culturas Galegas comeza a estenderse por novos territorios. Baixo o nome de Culturgal Expandido, os días 23 e 24 de novembro aglutínanse unha serie de actividades de balde na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, que serven de adianto do que se poderá ver a semana seguinte na Boa Vila. 

O día 23 abrirá ás 18 horas cun espazo de conversa arredor da memoria histórica, coa escritora Iria Morgade e a historiadora Alba Garrido, que veñen de publicar en Galaxia, respectivamente, Quen escribirá a miña historia? e De Galicia a Mauthausen, obras que tratan o tema dos campos de concentración. 

A seguir, Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister farán unha lectura-concerto en que narrativa e música se conxugan na procura de novos camiños. Catuxa Salom fechará a xornada. A artista de Vilagarcía achega unha proposta na que conflúen sonoridades galegas e arxentinas deslizándose entre a música de raíz e a electrónica. 

Aniversario dos Premios Xerais

O día 24  arrincará coa celebración do 40º aniversario dos Premios Xerais, cunha reunión de autores e autoras galardoados: Rexina Vega, María Reimóndez, Manuel Esteban, Santiago Lopo e o máis recente gañador, Pedro Feijoo. Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia, será o encargado de moderar a parola.

Como contrapunto, a poeta e actriz María Lado, cunha sólida traxectoria lírica, ofrecerá un recital enchoupado do seu íntimo estilo, irreverente e prosaico. Como punto final, Leilía compartirá co público as súas emocións ante a inminente xira de despedida Anque me vou non me vou, que as levará a dicir adeus o sábado 2 de decembro ante o público de Culturgal.

Comentarios