Contracultura

Catuxa Salom: "A miña maneira de compoñer é moi sociolóxica, porque non podo evitar analizar a sociedade"

A música Catuxa Salom descóbrenos 'Nunha aldea', o seu primeiro traballo en solitario. Fala de volver ás raíces, de valorar a lingua e de cumprir os soños que están idealizados, xa que, como ela di, "cando tes unha paixón, aínda que non queiras e esteas enfadada con ela, sempre volve".
A artista presenta o seu primeiro traballo en solitario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A artista presenta o seu primeiro traballo en solitario. (Foto: Nós Diario)

—Despois de todo un verán de xira, cales son as sensacións con Nunha aldea?
Moi ben. No escenario tes a retroalimentación constante da xente e eu vexo moitos sorrisos e moita felicidade. Cando baixo e falo con distintas persoas dinme que lles gustou moito e os discos tamén se venden, así que considero que vai bastante ben. Eu nacín na Galiza, mais vivín moitos anos en Madrid e non volvín ao rural até hai dous anos, dalgunha maneira estou comezando e moita xente dime que non me coñecía. Iso dáme ganas de ofrecer máis cancións. 

—Que relación ten o rural con estes temas?
Xorden sos. Estou nun espazo idóneo, sen estímulos e na natureza, co río aquí ao lado. Era o que buscaba fuxindo da gran cidade, de Madrid, necesitaba isto. Por iso digo que xorden sos, porque ao final compoñemos en base ás nosas experiencias e sensacións. Eu levaba moitos anos idealizando o rural e de súpeto chegas e dáste de conta de que non é así, que hai moitas cousas que non funcionan. Isto tamén é guai, porque é onde está a chicha para compoñer.

Por exemplo, Cando eu morra xurdiu de estar nun enterro dunha avoa da aldea e experimentar o estar nunha igrexa na que caen as paredes, o sermón do cura e xente chorando que nin sequera a coñecía. Pensei que cando eu morrese o que quería era unha festa e por iso naceu a canción. A xente aquí ten historias incríbeis que poden inspirar: unhas persoas tiñan unha casa en Madrid, vendérona e logo con eses cartos estiveron un mes buscando casa percorrendo todo o norte de España mentres durmían no coche. Ao final atopárona aquí e son os nosos veciños.  

—Como pasa de vivir en español a compoñer en galego?
Os meus pais son arxentinos e os nosos devanceiros italianos, polo que nunca tiven unha contorna galegofalante. Aos 14 anos, tiven dúas mestras incríbeis que nos levaron de excursión a Lisboa e Porto. Estando alí descubrín que podía falar portugués e penso que todas as persoas nesa clase decatámonos da forza que ten falar outra lingua. Estando no rural todas as persoas falan galego e eu tamén buscaba unha forma de mesturar as miñas raíces.

A miña avoa era indíxena arxentina e sempre escoitei moitos ritmos tribais, unha característica que para min tamén ten o son do galego. Ten a profundidade que eu estaba buscando para compoñer. Tamén é certo que, ás veces, aínda que teña o chip en galego, hai unha frase que me sae en español e fago mesturas, tamén con portugués, porque é o que me pide o corazón. Nestes momentos estou investigando outras linguas, xa que son unha amante delas. Tamén falo ruso e italiano e busco máis o son que a lingua en si. Cando comecei co proxecto escoitaba moitos grupos galegos, sobre todo de folk tradicional, e adoraba a sonoridade desta lingua, tan ancestral e 
inspiradora. 

—Aínda que comeza na Galiza, xa trae experiencia da industria.
Levo dez anos na música, tamén estudei teatro e socioloxía e son cousas que mesturo dunha maneira case inconsciente. Nos directos intento facer unha performance aproveitando as ferramentas que teño como actriz e a miña maneira de compoñer é moi sociolóxica porque non podo evitar analizar a sociedade.

Eses anos traballando en Madrid con diferentes bandas déronme moita experiencia, estou moi agradecida do percorrido que fixen alí, mais coa pandemia deixou de funcionar e decidín que era o momento de volver á Galiza. Volvín a Lugo sen pensar en crear isto porque estaba farta e non podía máis, pero cando tes unha paixón, aínda que non queiras e esteas enfadada con ela, sempre volve. Este proxecto tamén xurdiu grazas a Sonidosmans e á súa formación sobre a industria musical. Para min foron un agasallo. 

Comentarios