venres 29.05.2020
Para obteren unha remuneración xusta

Creadores e creadoras piden unha mudanza na regulación do empréstito nas bibliotecas

A través das asociacións que as e os representan, entre elas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), escritoras e tradutoras solicitan unha mudanza na lexislación que regula o empréstito público dos seus libros.

[Imaxe: Bibliotecas Municipais da Coruña]
[Imaxe: Bibliotecas Municipais da Coruña]

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Colegial de Escritores (ACE), a Asociación Associació Col·legial d'Escriptors de Catalunya (ACEC), a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana (AELC), a Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA), a ACE Traductores (ACEtt) e a Asociación de Escritores de Euskadi / Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE/EIE) veñen de asinar unha carta aberta en que solicitan unha mudanza na lexislación que regula o empréstito de libros de tradutoras e escritoras. O documento será enviado ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e ás Consellarías de Cultura.

No escrito, os colectivos afectados propoñen un pagamento centralizado a cargo do Estado e das Comunidades Autónomas; e, por outra, unha tarifa non simbólica que garanta unha remuneración axeitada, acorde coa doutros Estados europeos. “Levamos case 25 anos sen unha normativa xusta, equilibrada e eficiente na materia”, explican os e as escritoras e os e as tradutoras no escrito.

Uns cartos que non repercutan nas persoas usuarias

Así, as entidades que subscriben a carta reclaman a aplicación real dun dereito dos creadores e creadoras tamén no Estado Español, mais sen que o goce dese dereito se faga repercutir nas persoas usuarias deses servizos, senón, din, en quen debe ter a responsabilidade de velar pola cultura e, en consecuencia, velar por que aos creadores e creadoras se lles garantan unhas retribucións dignas e xustas polo seu traballo, que é a primeira pedra dun produto do que toda a cadea da industria cultural obtén beneficios económicos.

comentarios