A Coruña lembra Seamus Heaney no décimo aniversario do seu pasamento

O Seminario Internacional Dez anos sen Seamus Heaney está organizado polo Instituto Universitario de Estudos Irlandeses.
Seamus Heaney.
photo_camera Seamus Heaney.

A segunda feira, día 29 de xaneiro, ás 19.30 horas, terá lugar na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda un acto conmemorativo do 10º aniversario do falecemento do poeta irlandés Seamus Heaney, Premio Nobel e Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.

O Seminario Internacional Dez anos sen Seamus Heaney está organizado polo Instituto Universitario de Estudos Irlandeses, e dará inicio coa presentación por parte da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o director do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin, David Clark. Ás 19.45, terá lugar unha presentación visual simultánea consistente nun Introito musical irlandés, a cargo do docente do Departamento de Letras da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei, con gaita galega e low whistle irlandés.

A continuación, ás 20 horas, terá lugar a intervención de Antonio Raúl de Toro Santos, director de honra do Instituto, quen dará paso a unha intervención en vídeo desde Irlanda do poeta Paddy Bushe.

A música continuará ás 20.35 horas e posteriormente a xornada proseguirá coa intervención de José Miguel Alonso Giráldez, profesor do Departamento de Letras e membro do Instituto Universitario, que impartirá un relatorio sobre a vida do poeta. A hora de fechamento do acto será ao redor das 21.20 horas, cunha lectura poética da obra do autor en lingua galega.

Seamus Heaney

O poeta irlandés Seamus Heaney, Premio Nobel de literatura 1995, foi nomeado doutor Honoris Causa en Letras pola Universidade da Coruña no ano 2000. No acto solemne na Maestranza, estivo acompañado non só do seu padriño, o profesor Antonio de Toro, senón de moitas personalidades da cultura e a universidade e, sobre todo, do amigo e gran gaiteiro irlandés Liam O’Flynn, falecido tamén en 2018. En 2003, Heaney publicou con el o álbum The poet and the piper. Hoxe a Facultade de Filoloxía da UDC ten unha estancia dedicada á súa figura.

Heaney foi un dos poetas irlandeses máis sobranceiros do último século. Era moi querido polos irlandeses, e, ao tempo, moi popular en Galicia e Asturias, terras que coñecía moi ben polos vencellos literarios, os vencellos coa Universidade da Coruña e mesmo vencellos familiares, no caso de Asturias. Non só foi un excelso poeta, senón un gran dramaturgo, tradutor, autor de ensaios, crítico literario e profesor en universidades de Europa e América.

Comentarios