'Un Edén diferente', unha escolma de ecopoesía

A paisaxe e a natureza vistos por poetas da Galiza e de Irlanda

Galiza e Irlanda manteñen vínculos que se sosteñen en situacións históricas con moitos paralelos, mais tamén na semellanza do medio natural que as acubilla. As dúas fisterras atlánticas observan a natureza con ópticas parecidas. Un Edén diferente é unha antoloxía poética que examina esas afinidades. 
'A estrada a carón do río', de Jack Butler Yeats.
photo_camera 'A estrada a carón do río', de Jack Butler Yeats. (Foto: Nós Diario)

“Menos ego e máis eco”. Este podería ser o motto que preside A different Eden /Un Edén diferente, unha antoloxía que reúne 38 poetas da Galiza e de Irlanda arredor do tema da relación do ser humano coa natureza. A chamada ecopoesía enfróntase cun universal como o do Xardín do Edén para interrogalo, cuestionalo e, dalgunha maneira, reivindicalo. Un dos grandes desafíos do noso tempo -o ecolóxico- visto a través dos ollos de creadores e creadoras de dous países que comparten unha historia difícil e unha localización, nas extremas do continente, que lle outorgan á paisaxe elementos comúns arredor dos que orbita a súa existencia. 

Keith Payne é un dos editores do volume, xunto con Lorna Sahughnessy e Martín Veiga, e o tradutor dos poemas galegos ao inglés -Isaac Xubín traduce ao galego os versos en inglés e gaélico. Coñecía a poesía galega e traducira poetas como Olga Novo ou María do Cebreiro. Cando xurdiu a idea de elaborar unha antoloxía sobre o tema do medio ambiente, “axiña nos pareceu moi interesante enfrontar a obra de poetas irlandeses e galegos para ver como conversaban entre eles", declara a Nós Diario. "Son dous países que manteñen unha forte presenza do rural, que están nas marxes de Europa, cun clima atlántico que condiciona moito a forma de vida e no que o tratamento da paisaxe reflicte unha historia con moitas similitudes. Pareceunos moi importante investigar sobre se a visión da paisaxe era un motivo puramente estético ou se se utilizaba para desenvolver outros temas de máis relevancia, máis duros”.  

Os vínculos literarios que unen a Galiza con Irlanda veñen de moi vello e, aínda que a miúdo se empregou a coartada da mitoloxía celta para xustificalos, a loita pola independencia irlandesa tomada como modelo ("Como en Irlanda! Como en Irlanda!") parece estar sempre no fondo dese achegamento. Que outra batalla política como a ecoloxista sirva de nexo de unión no século XXI non deixa de ser significativo. “A reacción poscolonial do pobo irlandés, a situación dunha lingua minorizada... son elementos que os autores galegos empregan para achegarse a Irlanda”, comenta Payne. “O renacemento do nacionalismo foi un punto que compartiron os dous países e que motivou que, entre os compoñentes da xeración das Irmandades da Fala, Yeats ou Singe fosen autores moi lidos e mesmo que o galego fose unha das primeiras linguas ás que se traduciu o Ulysses de Joyce. Hoxe, os dous países e a propia Europa cambiaron moito, existe un paradigma que tende máis á globalización, e por iso é útil comparar os discursos que xorden dos dous lugares cunha mirada máis contemporánea, enfrontándoos a un dos grandes problemas universais da nosa época”.

Eu, particularmente, teño contactos que me permitiron coñecer a Galiza rural, de aldea, e considerei necesario presentar esta visión máis práctica e materialista: esta é a realidade, sen mitificacións que a falsee”, explica Payne.

Non hai terra mítica: a realidade do rural

A antoloxía divídese en cinco partes temáticas entre as que chama a atención a titulada “Non hai terra mítica”, dedicada a poemas que desmitifican a visión bucólica da paisaxe e do rural. “Pois o certo é que esta sección en concreto xurdiu das nosas lecturas de poesía galega. O noso proxecto era, en principio, falar da destrución da natureza, da catástrofe ecolóxica, do concepto de antropoceno... e tamén mostrar discursos máis esperanzadores. Mais lendo algúns poetas galegos descubrimos estoutro tema: a vitalidade actual da vida no rural, a vida real dos que seguen desenvolvendo a súa existencia moi perto da natureza. Poemas escritos por persoas que viven alí, na terra, traballándoa. Como di o poema de Dores Tembrás, non hai terra mítica, esta é unha terra de verdade. Eu, particularmente, teño contactos que me permitiron coñecer a Galiza rural, de aldea, e considerei necesario presentar esta visión máis práctica e materialista: esta é a realidade, sen mitificacións que a falsee”, explica Payne.

"Existe unha actitude moi feminista que xorde dun xeito moi natural: se vas falar da vida do rural, non podes obviar o traballo e a vida das mulleres. Aí existen moitos puntos en común que sitúan a muller fronte á paisaxe, que indagan sobre o seu lugar no mundo"

E que puntos en común atopou o editor na poesía galega e irlandesa contemporánea despois de navegar polas súas augas para elaborar esta antoloxía? “A valentía”, responde sen dubidar o editor. “Non hai medo a enfrontarse aos temas difíciles. Non hai medo a recoñecer que somos os causantes dunha catástrofe que hai que nomear. Tamén unha actitude moi feminista que xorde dun xeito moi natural: se vas falar da vida do rural, non podes obviar o traballo e a vida das mulleres. Aí existen moitos puntos en común que sitúan a muller fronte á paisaxe, que indagan sobre o seu lugar no mundo. E finalmente, unha gran capacidade para mostrar a realidade deixando o ego nun segundo plano, permitindo que sexa o real o que protagonice o poema. Nesta época de hipertrofia das identidades individuais, paréceme moi esperanzador que existan persoas que sexan quen de facerse a un lado para deixar que a protagonista sexa a comunidade”.

Unha mirada que se proxecta no futuro

Un Edén diferente ten algo de proxecto idealista: analiza a mirada dos poetas sobre un tema tan delicado como é o da perda do equilibrio natural do planeta, mais tamén se proxecta no futuro ofrecendo unha visión que persigue a utopía dunha nova orde, un esbozo de futuro máis harmónico. Asinan estes proxectos poetas como Manuel Rivas, Chus Pato, Olga Novo, Xavier Queipo, Estevo Creus ou Lupe Gómez entre os galegos e Seán Hewitt, Jane Robinson, Paula Meehan, Grace Wlls ou Eamon Grennan entre os irlandeses. 

O libro, que pode atoparse nas librarías Numax de Santiago e Cartabón de Vigo, xa foi presentado nalgunhas cidades galegas, e ten previsto presentarse na próxima primavera en Irlanda. Payne ten previsto mesmo "un pequeno festival sobre arte e medio ambiente en Vigo, ademais doutras actividades arredor da publicación".

Comentarios