O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con "imaxinación poética" da Fisterra

Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua, senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda. 

Heaney
photo_camera Heaney

Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver,  a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda. 

Ferrín dedicoulle “Estirpe”, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”. 

O libro “Traballo de campo”, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto

O libro “Traballo de campo”, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral “A cura en Troia”, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, “Poesía irlandesa contemporánea”, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña. 

“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado. 

O recoñecemento de Ferrín ten moito a ver no acollemento do irlandés no mundo literario galego

A dedicatoria de Ferrín

Na rede, diversos nomes da literatura galega deixaron nestes días o pesar polo pasamento do escritor irlandés. A poeta María do Cebreiro afirmaba que o seu “inglés ás veces facía pensar no galego, era unha lingua capaz de furar a terra e de sacar á luz o ouro do río”. Miro Villar, pola súa parte, facíase eco da informacións e da noticia nas primeiras planas da prensa para se preguntar se nalgunha ocasión acontecería iso con algún poeta da Galiza. Tamén Agustín Fernández Paz lamentou a perda do grande poeta e lembrou a calidade da tradución de Araguas naquel libro inicial na colección Ablativo. 

Mais se algún episodio marca de forma singular a relación de Heaney coa literatura galega é a dedicatoria de "Estirpe" (Xerais, 1994) de Xosé Luís Méndez Ferrín. No libro do poeta establécese a comunicación co irlandés, canda dous outros grandes nomes da poesía, Antonio Gamoneda e Derek Walcott. O recoñecemento de Ferrín ten moito a ver, sen dúbida, no acollemento do irlandés no mundo literario galego. “Eu quixera este libro,/certamente pra el,/ enigmático, / posto na biblioteca/ de Seamus Heney/ alá lonxe no irlandés, / maldito, escuro/ confín das gándaras./ As torgueiras doces e podres/ daquelas fins do mundo/ na occidental República Morta,/ estrada de ósos/, son as nosas raíces comúns: /a miña alma é hoxe o Burren”. 

Comentarios