PATRICK LOUGHNANE, POETA IRLANDÉS

“Na poesía irlandesa estamos na época post Seamus Heaney”

A libraría Chan da Pólvora acolleu esta noitiña unha charla sobre poesía irlandesa actual na que participou Manuela Palacios, profesora da USC especialista nas relacións literarias entre Galiza e Irlanda, e tamén Patrick Loughnane, un poeta de Galway que viviu varios anos no noso país.

patrick
photo_camera Patrick Loughnane na libraría Chan da Pólvora

- Hoxe falas na libraría Chan da Pólvora da poesía nova irlandesa. Como está o panorama alá?
- Para min na poesía irlandesa estamos na post-Seamus Heaney, o gran poeta irlandés que morreu hai tres anos, e hoxe en día hai moita variedade de poesía, hai moitas cousas novas, distintas e innovadoras. Están a pasar moitas cousas novas e creo que é un momento moi interesante para estudar ou para seguir, pero por outra banda é difícil resumir que é o que está a pasar exactamente. 

- Ti mesmo es poeta e tes publicado en revistas literarias irlandesas.
- Non publiquei moito, xa que levo varios anos en Galiza e estaba un pouco afastado. 

- Escribes en inglés, pero es de Galway, da zona gaélico-falante. 
- Si, é a cidadade onde máis se fala gaélico, e coñezo moita xente que escribe en gaélico. 

Cando estiven aquí, pareceume que en Irlanda hai moito máis amor pola lingua.

- En Irlanda non facedes diferenzas literarias e considerades que a literatura irlandesa é tanto a escrita en inglés como en gaélico, non?
- Si, en Irlanda considérase que es un poeta irlandés tanto se escribes nunha coma na outra, ou nas dúas. A poesía en gaélico é bastante descoñecida fóra de lugares como a miña cidade, pero xeralmente non hai diferenza. 

- A que cres que é debido isto? En Galiza considérase que a literatura galega é a escrita en galego. Que diferencias ves coa situación irlandesa?
- Cando estiven aquí, pareceume que en Irlanda hai moito máis amor pola lingua. Aínda que non falen correctamente a xente quere saber. Eu cando cheguei quería aprender sobre literatura galega e os autores galegos que escriben en castelán para min foron descoñecidos durante moito tempo porque para a miña xente de aquí están como marcados. 

Para min a poesía galega goza de moi boa saúde, está nun momento moi bo.

- En Irlanda non acontece iso se cadra porque a situación lingüística é máis feble?
- A diferencia entre as dúas linguas alí é máis notable, si. 

- Como ves desde fóra a situación da poesía galega?
- Creo que están pasando moitas cousas, e para min é moi interesante ver como se relaciona con outras literaturas. Para min goza de moi boa saúde, está nun momento moi bo. 

- Ti mantés unha web na que traduces ao inglés poetas galegos, e tamén algúns ao irlandés. Que recepción ten en Irlanda?
- Para a xente que le o blog e que tiña poucas referencias da literatura galega, á xente parécelle moi ben. 

- Hai bastantes relacións académicas entre os dous países, pero que sabe a xente do común en Irlanda sobre Galiza?
- Os que saben o básico coñécena polo fútbol ou polo Camiño de Santiago. E os que saben un pouco máis consideran que é outro país atlántico co que temos bastante en común, moi fermoso e parecido a Irlanda na paisaxe. A opinión xeral sobre Galiza en Irlanda é positiva. 

Cando cheguei aquí sorprendeume a cantidade de referencias que había de Irlanda na literatura. Se iso fose máis coñecido en Irlanda estaría moi ben para reforzar eses vínculos.

- Que cres que se podería facer para mellorar esas relacións?
- Pois cousas pequenas como esta charla desta noite para introducir a cultura de cada país no outro, e para normalizar as relacións culturais. Cando cheguei aquí sorprendeume a cantidade de referencias que había de Irlanda na literatura. Se iso fose máis coñecido en Irlanda estaría moi ben para reforzar eses vínculos. 
- Desde Galiza Irlanda vese como un país case mítico, con moitas conexións mitolóxicas e ultimamente tamén musicais. Ao revés non creo que sexa igual. 
- Esa relación é moito máis forte desde aquí a Irlanda. Alí Galiza non é tan coñecida. Co tempo isto mellorou, grazas en boa parte ao Camiño, que é moi moi popular en Irlanda, pero nos últimos anos o interese medrou en todos os aspectos, desde artigos sobre poesía galega até outros temas. 

Comentarios