A II Festa Amergin achega a poesía de Irlanda e a Galiza

Recitais, roteiros e intervencións afondarán nas relacións culturais entre a Galiza e Irlanda.

Segundo a lenda, da Torre de Hércules sairon os fundadores de Irlanda.
photo_camera Segundo a lenda, da Torre de Hércules sairon os fundadores de Irlanda.

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, os colectivos In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da UDC, organizan a II Festa Amergin da Poesía Atlántica para estabelecer lazos de unión da literatura galega e a literatura irlandesa, o vindeiro 1 de xullo, ás 21 horas, na praia do Areal da Coruña. 

O poema fundacional da literatura irlandesa, Canción de Amergin, ten unha estreita relación coa Galiza. Amergin, o seu autor, procedía do clan gaélico milesian de Breogán, os chamados Fillos de Mil ou Milesios, que segundo o Lebor Gabala (ou Libro das Invasións), datado no século XII, conta que procedentes do noso país chegan a Irlanda, centos de anos antes da nosa era, e deben enfrontarse a unha tormenta desatada polos druídas adversarios, e o druida e poeta Amergin declamaría este poema. E conta a lenda que deste xeito, Amergin, cun poema, foi quen de fundar un país: o país da poesía irlandesa. O druída dá nome ao Instituto Universitario de Investigación en Estudos Irlandeses, da Universidade da Coruña, e é un símbolo que alude á relación histórica entre Galiza e Irlanda.

 

Arte, música e poesía 

As actividades comezarán o día anterior, no local da AC Alexandre Bóveda, cunha palestra de Mónica Vázquez Pozo sobre os contactos culturais entre a Galiza e Irlanda e cunha mesa redonda sobre "Poesía e natureza en Amergin" na que intervirán os escritores Antonio Sandoval e Anthony Quinn e os profesores da Universidade da Coruña David Clark e Antonio de Toro. 

Xa o sábado, a festa comezará cun roteiro arredor da Torre  de Hércules, ás 19.30, guiado por Antonio Sandoval, coa participación de Xosé Alfeirán e Ana Santorum. As prazas son limitadas e cómpre anotarse na web da AC Alexandre Bóveda. 

O acto final desta festa da música e a poesía decorrerá desde as nove da noite até o momento da posta do sol. A poesía comezará coa lectura da Canción de Amergin en galego por Manuel Rivas, e en gaélico por Anthony Quinn. A continuación, terá lugar a lectura de poemas, con Rodrigo Osorio, Laura Rei Pasandin, Ana Fernández Melón, Antom Laia e Teresa Ramiro. 

As artes plásticas tamén terán o seu oco na celebración, co pintor Correa Corredoira realizando deseños efémeros na area, e coa pintura e o deseño de Pilar Silva e Roberto Castro. A fotografía correrá a cargo do colectivo Ollo de Vidro. 

A fin de festa chegará coa música do gaiteiro Xosé Manuel Sánchez Rei e a voz da cantante Belém Tajes, durante o solpor. 

Comentarios