A Coruña homenaxea Zeca Afonso e Rosalía de Castro

Pedro Jóia e Iria Estévez foron os artistas encargados do tributo.
O músico portugués Pedro Jóia, esta sexta feira, no Teatro Colón da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera O músico portugués Pedro Jóia, esta sexta feira, no Teatro Colón da Coruña. (Foto: Deputación da Coruña)

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña organizou na tarde de esta sexta feira un concerto tributo a Zeca Afonso e a Rosalía de Castro coincidindo coa semana de celebración do Día das Letras Galegas, que decorreu a pasada cuarta feira 17 de Maio. 

Así, o Teatro Colón da Coruña acolleu a actuación do grupo portugués Canto D'Aquí, que convidou Pedro Jóia e Iria Estévez, dous recoñecidos nomes do panorama musical portugués e galego. Ademais, o concerto tivo como convidados especiais a actriz Isabel Risco e o actor Fran Rei.

Músicas galega e portuguesa 

O recital quixo ser homenaxe a dúas figuras que, a través da música e da poesía, fixeron unha gran contribución á cultura galega. O portugués Pedro Jóia interpretou á súa guitarra obras emblemáticas de Zeca Afonso, cantante e compositor de música protesta portuguesa, compositor de cancións tan senlleiras como o Grândola, Vila Morena, que foi utilizado polo Movimento das Forças Armadas para confirmar que a Revolución do 25 de Abril estaba en marcha. Unha canción que, a día de hoxe, tornou símbolo da loita popular e é considerada como patrimonio nacional de Portugal.

Pola súa parte, Iria Estévez, cantora galega de fado e de músicas de raíz, cantou a poesía de Rosalía de Castro, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía do século XIX e a principal responsábel do Rexurdimento galego no século XIX.  

Neste concerto tamén se escoitou o carácter sonoro e tradicional dos instrumentos e voces do grupo bracarense Canto D'Aquí, nun tributo a temas que marcaron unha época, pero que perduran até a actualidade, gardando sempre a súa mensaxe e mantendo a memoria dos seus autores viva. 

Comentarios