Coruña Cociña promociónase en Madrid da man da Deputación

Cociñeiros da Asociación Coruña Cociña celebrarán un showcooking promocional no restaurante NaDo de Madrid, no marco dos actos paralelos da Deputación da Coruña con motivo de Fitur

Unha imaxe do 'showcooking' co que a área de Turismo da Deputación da Coruña participou no Fórum Gastronómico de Barcelona
photo_camera Unha imaxe do 'showcooking' co que a área de Turismo da Deputación da Coruña participou no Fórum Gastronómico de Barcelona

A área de Turismo da Deputación da Coruña continúa coa liña de traballo enfocada poñer en valor a calidade do produto gastronómico e a profesionalidade de cociñeiros e cociñeiras coruñesas, como un das principais potencialidades turísticas da provincia. Nesta liña enmárcase o showcooking promocional que organiza, da man de varios membros da Asociación Coruña Cociña, no restaurante NaDo en Madrid, no marco dos actos paralelos da Deputación con motivo de Fitur.

O showcooking contará coa participación do actor e humorista coruñés, Manuel Burque, que actuará como mestre de cerimonias

A cita, que terá lugar o xoves 20 ás 18 horas, está dirixida especialmente a xornalistas especializados, bloggers e prescriptores no sector do turismo, viaxes e gastronomía. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, asegura que “a percepción da cociña galega ten un punto forte na calidade do produto culinario, calidade que non se pon en dúbida, pero agora temos por diante un traballo para promocionar o nivel da restauración galega e consolidado fóra das nosas fronteiras”. O vicepresidente explica que “este traballo de promoción, a través de demostracións gastronómicas, está dando moi bos resultados nos foros e feiras sectoriais e, neste sentido, aproveitar o entorno de Fitur é unha moi boa oportunidade para promocionar os xeodestinos da provincia da Coruña asociándoos á súa gastronomía”.

Entre os produtos que servirán para a elaboración dos pratos cóntanse o berberecho de Noia, o repolo de Betanzos ou o requeixo da Capela

O showcooking que contará coa participación do actor e humorista coruñés, Manuel Burque, que actuará como mestre de cerimonias, “permitirá presentar unha cociña innovadora e, ao mesmo tempo, cun alto compromiso cos produtos do territorio, e que lle pon nome aos lugares dos que procede a materia prima” explica Xosé Regueira. Así, entre os produtos que servirán para a elaboración dos pratos cóntanse o berberecho de Noia, o repolo de Betanzos ou o requeixo da Capela. A elaboración do menú correrá a cargo dos cociñeiros Javier Freijeiro e Moncho Bargo de restaurante Pracer, de Antonio Amenedo do Pazo de Santa Cruz, de Pablo Pizarro do proxecto La Empanada Viajera e de Iván Domínguez de NaDo.

Todos eles forman parte de Coruña Cociña, unha asociación conformada por 18 de cociñeiros e cociñeiras que representa unha nova xeración de profesionais da cociña. Da man da Deputación, Coruña Cociña vén de editar, a finais de 2021, o receitario “A mesa do noroeste. Un percorrido pola gastronomía a través da súa gastronomía”, que relaciona 14 produtos da horta e do mar caracterísicos de diferentes puntos da provincia (como o tomate negro de Santiago, a pataca de Carballo ou os percebes do Roncudo) con receitas elaboradas por outros tantos cociñeiros e cociñeiras. Precisamente o menú do showcooking que terá lugar no restaurante NaDo de Madrid o vindeiro xoves estará conformado por pratos incluídos neste receitario.

Comentarios