Cinema

'O Corno', primeiro filme en galego que compite pola Concha de Ouro, debuta en Donostia

"Espero que o festival poida darnos unha visibilidade que no cinema de autor sempre é necesaria para chegar ao público", sinala a directora da cinta, Jaione Camborda, sobre a nominación na sección oficial do Festival de Donostia.
O equipo do filme 'O Corno', onte en Donostia (Euskadi). [Foto: Xunta da Galiza]
photo_camera O equipo do filme 'O Corno', onte en Donostia (Euskadi). [Foto: Xunta da Galiza]

O evento Films from Galiza do Festival Internacional de Cinema de Donostia (Euskadi) comezou esta cuarta feira coa estrea de O Corno, longametraxe de Jaione Camborda —donostiarra que leva máis dunha década asentada en Compostela—, que é, ademais, a primeira en versión orixinal galega que compite pola prestixiosa Concha de Ouro do certame. É, pois, unha das 16 cintas que pugnan polo título na sección oficial dun dos 15 festivais de cinema de clase A de todo o mundo, o de Donostia, canda os de Berlín (Alemaña), Cannes (Francia) ou Venecia (Italia).

O Corno é un drama rural ambientado na Galiza dos anos 70 protagonizado pola bailarina Janet Novás no seu debut no cinema, e conta no seu reparto, entre outros, con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido. A cinta, marcada pola sororidade, foi rodada en galego e en português en varias localizacións das comarcas do Salnés, O Baixo Miño e o Alto Minho luso, e narra a historia de María, unha mariscadora e parteira que, tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía loitando pola súa supervivencia.

"É un momento de celebración aínda que chega tarde. Creo que non se nos estaba dando a oportunidade. Agora están a saír películas boas dirixidas por mulleres, pero antes non nos deixaban facelas", asegurou Jaione Camborda en rolda de prensa.

Este filme, dixo, nace da necesidade de "explorar" a capacidade de concibir e alumar bebés. "Decidín explorar dunha maneira cinematográfica, é dicir, non buscando as respostas racionais, senón transitar dunha maneira máis instintiva, emocional e artística, para compartir estas incertezas e dúbidas co espectador", engadiu.

A cinta estreouse a nivel mundial no Festival de Toronto, onde, como lembrou a cineasta, tivo unha acollida moi boa. "O paso por Toronto foi moi bonito. Despois de catro anos de xestación, puidemos entregarlla ao público e foi moi especial. Estou moi contenta co recibido", asegurou.

En relación co Festival de Donostia, Camborda afirmou que estar no certame tráelle bos recordos porque foi onde descubriu o cinema. "Estar aquí para min é algo moi simbólico. Espero que o festival poida darnos unha visibilidade que no cinema de autor sempre é necesaria para chegar ao público", comentou.

Tamén participaron no festival donostiarra os filmes galegos Sica, de Miramemira con Carla Subirana na realización, e Matria, de Matriuska Producións con dirección de Álvaro Gago.

Comentarios