Cinema

A longametraxe 'O corno', de Jaione Camborda, abrirá o Curtocircuíto

O compromiso de Curtocircuíto co cinema galego refórzase no seu vixésimo aniversario: o anuncio das seccións Planeta GZ, Supernova, Terra - adicada a Arancha Brandón- e #OutraCompostela súmanse á estrea galega de 'O corno'.
A cineasta Jaione Camborda con Janet Novás, en 'O Corno'. (Foto: Esnatu Filmes)
photo_camera A cineasta Jaione Camborda con Janet Novás, en 'O Corno'. (Foto: Esnatu Filmes)

O corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, será o filme que abra Curtocircuíto, Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela o vindeiro 3 de outubro. Esta será a primeira proxección en territorio nacional tras a súa estrea mundial o 10 de setembro na sección Platform do Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF), e logo da súa participación no Festival de San Sebastián, onde foi a primeira película en galego na Sección Oficial. A estrea en salas de cine chegará o 11 de outubro. 

A directora asistirá á presentación acompañada do equipo artístico de actrices, coa bailarina Janet Novás á cabeza, no que é o seu primeiro traballo en cinema. Non é a primeira vez que Camborda fai parte da programación de Curtocircuíto. En 2018 foi a protagonista da sección Terra e, ao longo dos anos, participou na sección Planeta GZ coas pezas Proba de axilidade, Rapa das bestas ou Videogramas #4

O corno, unha road movie rural ambientada na Galiza da década de 1970, está rodada en galego e en portugués nas comarcas de Arousa e Baixo Miño e no Alto Minho de Portugal, e conta entre o seu elenco con Janet Novás, Carla Rivas, Siobhan Fernandes, Nuria Lestegás, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros. É unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica).

 

Cinema galego a concurso

A elección de O corno para inaugurar o festival subliña o interese de Curtocircuíto por xerar un espazo de visibilidade para o cinema realizado na Galiza, aposta que se reflexa nas seccións para ao cinema galego: Planeta Gz, Supernova, a sección Terra, adicada a Arancha Brandón, #OutraCompostela, ademais dunha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.  

A selección da sección competitiva Planeta GZ presenta achegamentos heterodoxos á paisaxe que van desde o drama próximo ó romanticismo do western de Ulises (Felix Brisel) até o ensaio cientificista Ecotone (Enar de Dios) pasando pola experimentación sensorial de Bloom (Helena Girón e Samuel Delgado) ou a poética de Devociones (María Serna e Ángel Montero); filmes arredor da maternidade, o fogar e os conflitos internos (Non te vexo de Xacio Baño, Habitar de Anxos Fazáns e Ruovesi de Andrea Zapata-Girau, respectivamente); artefactos de psicodelia como a animación Alguén me chamou Serpe Negra de Borja Santomé; e filmes xeracionais como Alicia fai cousas, no que Ángel Santos volve afondar nos dilemas da mocidade.  

 

Comentarios