Un concerto ‘silencioso’ inaugura o ciclo ‘Tras as ameas’ no castelo de Soutomaior

A actuación forma parte do programa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra

Rut Balbís e Javier Otero actuarán esta terza feira en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rut Balbís e Javier Otero actuarán esta terza feira en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

O castelo de Soutomaior (comarca de Vigo) acolle esta terza feira, 27 de xuño, a estrea dunha nova edición de ‘Tras as ameas’, o programa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra, cun concerto “innovador”. Este ciclo abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para acudir aos castelos de Soutomaior e Sobroso, en Mondariz (O Condado), e vivir neles “experiencias únicas”.

O concerto inaugural estará a cargo de Javier Otero e Rut Balbís, e leva por título ‘Escoitando o silencio’. Será unha actuación ao solpor, de música accesíbel, con piano, danza e auriculares silent system, unha experiencia diferencial en todo o espazo do xardín da fortaleza que, mediante o uso de tecnoloxía sen cables, suporá un exercicio sen precedentes dentro deste proxecto “innovador”.

Javier Otero e Rut Balbís farán unha proposta artística baseada na intervención musical co obxectivo de que “o silencio perdure na contorna, de xeito que o concerto de piano e electrónica de última xeración transcorra respectando ese silencio”.

Polo tanto, a música e a tecnoloxía danse a man coa contorna do castelo “de xeito moi especial”, integrando tamén a luz e as persoas espectadoras para converter un espazo interactivo e multidisciplinar “nunha experiencia difícil de explicar, pero doada de intuír”.

A bailarina Rut Balbís interpretará unha coreografía creada expresamente para este espazo, na que se interactuará co público e co xardín do castelo de Soutomaior na procura de experimentar a música en directo desde o silencio.

Programación

‘Tras as ameas’ está composto por 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo e que se prolongarán ata o 29 de agosto divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Cinco destas 13 actividades teñen xa as prazas esgotadas. As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o obradoiro ‘Frida’ da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno ‘Caldo’ a cargo de  María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto ‘Silforiña’ da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense ‘Nino & Mambrú’ de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia ‘Superheroe’ de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro ‘Lingoreteira’ de Xarope Lulú en Sobroso.

Comentarios