O conxunto histórico de Santa Clara olla ao futuro desde o Lérez

Sete séculos pasaron para que o pobo puidese acceder ao pontevedrés Convento de Santa Clara. O Concello da cidade do Lérez recuperouno para o público e agora xestiónao o Museo de Pontevedra. A proposta de Nieto Sobejano Arquitectos vén de gañar o concurso para a súa rehabilitación.
Imaxes da proposta de rehabilitación 'Verbas da Pedra' de Nieto Sobejano Arquitectos, escollida como a gañadora por parte do xurado (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Imaxes da proposta de rehabilitación 'Verbas da Pedra' de Nieto Sobejano Arquitectos, escollida como a gañadora por parte do xurado (Foto: Deputación de Pontevedra).

A proposta gañadora plantexou como retos facer visible e accesible o conxunto histórico a cidadáns e visitantes; artellar os edificios na súa nova función; facilitar un sistema de circulación que recolla todos os fluxos e espazos; e proxectar un complexo funcional que respecte o pasado e estea conectado coas necesidades sociais do presente.
A unión coa cidade do proxecto resolveuse abrindo un oco no muro sur, que será a nova entrada desde a praza Barcelos e conectará o museo e os seus xardíns coa cidade, establecendo un percorrido peonil a través do recinto. Tamén se mantén a entrada existente dende a rúa Santa Clara pola Porta de Carros e se incorpora unha nova polo espazo inmediato á zona verde municipal.

Pola entrada sur pola Praza de Barcelos Enfrontada a esta apertura, un pavillón de acceso de nova construción sitúase no eixo do antigo claustro, anunciando aos visitantes a nova condición pública do conxunto.  O novo corpo de acceso ao complexo formalízase como unha gran marquesiña, un baldaquino que protexe e acolle a visitantes e grupos revelando o novo punto de entrada e que sirve como miradoiro privilexiado sobre o conxunto arquitectónico. Na planta inferior, os espazos de recepción sitúanse no nivel do claustro. Nos arredores recuperaranse e consolidaranse as ruínas existentes. 

Recupérase a estrutura formal do convento orixinal reconstruíndo as tres pandas que antigamente formaban o claustro. No lado norte e leste proponse eliminar o corredor superior engadido posteriormente, de escasa calidade construtiva e difícil uso expositivo, recuperando a súa escala inicial, con novas cubertas inclinadas que evocan as que tiña o edificio orixinal. Como resultado, a fachada posterior da igrexa faise visible en toda a súa dimensión. No lado oeste, proponse a construción dunha panda que segue as trazas do que, no seu día, probablemente existiu, pechando así un anel de circulación fundamental para o funcionamento do conxunto.

As persoas visitantes, unha vez dentro a través do baldaquino, desprázanse ao Norte pola panda oeste do claustro de nova creación ata o noreste, onde está o punto de entrada e control de acceso a áreas expositivas. 

As zonas de exposición localízanse nos edificios coñecidos actualmente como Edificio Oeste, Edificio Barroco e Coro da Igrexa. Para resolver a conexión entre eles, proponse actuar sobre patio interior situado entre o Edificio Barroco e o Edificio Oeste, patio que sufriu moitas transformacións ata a actualidade. A intervención pretende pór en relación continente e contenido, de modo que as cociñas, refectorio, adega ou claustro permitirán falar do monumento e da historia da cidade. 

O edificio de ampliación para o Centro de Xestión Arqueolóxica proxéctase como unha construción lonxitudinal semisoterrada na zona leste, cuxa cuberta axardinada será de uso público, integrada no xardín do antigo convento. Terá dous niveis completos de sótano para depósitos e un terceiro nivel parcial para instalacions na zona leste. No nivel aberto á zona axardinada sitúase un área de terraza e cafetería. 

As zonas de paso, o camiño da auga e os muros son as ferramentas que se utilizan e resólvense vinculadas entre si. Para conseguir a comunicación a través do xardín, proponse unha zona de paso que se acompaña dun elemento de pedra de granito, leitmotiv no estado actual. A pedra pode ser recuperada das obras para realizar na execución da rehabilitación. Tamén recolle as augas superficiais para canalizalas cara a uns cerramentos que se propoñen nos accesos inferiores. Doutra banda, conecta as pequenas pezas arquitectónicas diseminadas polo xardín (lavadoiros, capela, pozos...) e consegue un sistema de recirculación e recuperación de auga limpa que pode ser reutilizada no conxunto.

Na zona oeste do xardín, como remate da fachada sur do edificio barroco, proponse un pequeno escenario no oco actual, espazo que se replica no xardín retranqueando o muro actual, xerando así unha superficie plana que poida soportar as necesidades de eventos ao aire libre en modo anfiteatro. En canto ao paisaxismo, búscase permitir a celebración de eventos ao aire libre e outras actividades que poidan estar vinculadas ou ser independentes do programa museístico e poñer en valor a vexetación existente que se atope en bo estado.

Superficies
—Centro arqueolóxico: 3.940m2
—Exposición: 2.398 m2
—Recepción: 305 m2
—Polivalente: 202 m2
—Total  construído 6.950 m2
 

Valoración do xurado

'Verbas da Pedra' responde de xeito sobresaínte ao desafío de transformar un recinto con vocación de illamento da escena urbana nun lugar público. Un espazo complexo no que o arquitectónico se une intimamente á construción dunha paisaxe que funde o produtivo co contemplativo. A proposta pon en valor todo o preexistente a través da restauración, acollendo novos usos para atender as novas necesidades de estudo e conservación da nosa historia facéndoas partícipes da vida da cidade, abríndose e incorporando os espazos de bosque e pomar aos lugares de estudo e traballo.

A solución proposta ábrese con rotundidade  e claridade á cidade polo sur, desvelando o privado ao público. Cun sutil exercicio pousa o futuro do Museo sobre o espazo claustral, que se converte en centro e punto de partida dun deambular polas pandas do convento para desvelar de modo secuencial ou gradual os diversos espazos e novas áreas de actividade. A proposta resolve de maneira brillante, os retos existentes de, mantendo a idea icónica de recinto conventual, incorporar as novas necesidades do Museo.

O proposta responde dun xeito excelente ao programa requirido polo Museo atendendo a todas as necesidades contempladas no Documento base, aportando unha lúcida reflexión sobre cuestións como a capacidade de almacenamento e crecemento da colección, ou a flexibilidade dos espazos expositivos. Así mesmo aborda cuestións importantes como o tratamento pormenorizado  para a igrexa e o tratamento dos bens mobles.


OS INICIOS KAAN ARCHITECTEN BV  (80 PUNTOS)

A proposta de Kaan Architecten BV completa as galerías do claustro xerando un percorrido perimetral, cunha ampliación sólida e de gran tamaño que cara o interior se abre con arcos. Establece dúas partes, unha destinada a arqueoloxía baixo terra (no edificio barroco na zona oeste, que sería ampliado no que se eliminan as diferencias de altura e podería utilizarse para expoñer restos arqueolóxicos) e outra centrada na restauración e rehabilitación do convento (arredor do claustro, e con dúas plantas).

Esta última parte do claustro divídese á súa vez en tres partes, unha destinada a exposición climatizada; a igrexa, antiga sacristía, e entrada ; e a parte de cafetería, servizos e gardarroupa, que poderían unirse entre si no caso de grandes eventos. Como novidades, amplíase a galería este e engádese a galería sur, que alberga o novo acceso principal e dá acceso a todas as instalacións. Para o acceso, o estudo de arquitectura propón abrir o muro cara a Barcelos, aliñando as entradas cos eixos centrais do antigo convento, cunha apertura lixeira cun número variable arcadas de medio punto.

Superficies: Centro Arqueolóxico: 4.120 m2 / Exposición: 1.787 m2 / Recepción e acollida de visitantes: 422 m2 / Espazo Polivalente: 468 m2 / Total: 6.795 m2.

ABRENTE UTE DAVID CHIPPERFIELD ARCHITECTS SANTIAGO DE COMPOSTELA, S.L.U.- SEOANE (75 PUNTOS)

A proposta de Chipperfield propón manter a integridade dos edificios, os xardíns e o propio conxunto e inclúe o tramo da rúa Santa Clara no que está o enclave como parte do proxecto. O edificio mesmo é considerado o obxecto mais valioso do museo e a intervención respecta a natureza construtiva e espacial orixinal cunha actuación mínima, que soluciona a circulación facendo todas as estancias completamente accesibles. Constrúese un novo volume de tres plantas para o centro arqueolóxico e de investigación, que se edifica na parte oeste, en paralelo ao edificio barroco, e que vai na súa meirande parte soterrado.

Superficies: Centro Arqueolóxico: 3.825 m2 / Museo: 3.378 m2 / Espazo Polivalente: 236 m2 / Total: 7.439 m2.

PIEDRA Y MADERA KENGO KUMA & ASSOCIATES (73 PUNTOS)

A proposta de Kengo Kuma plantexa eliminar engadidos realizados nos últimos anos no complexo, unindo os elementos por medio de ‘acupuntura arquitectónica’. O máis singular é unha cuberta  de madeira e aceiro como paseo que percorre o convento en forma de zig-zag adosada aos volumes existentes e conectando o eixo norte-sur. Destaca tamén a proposta de recuperar a lexibilidade do ábside da igrexa mediante o posible desmantelamento do edificio anexo.

A zona de acceso queda situada a través de Santa Clara, na chamada porta dos carros a través dunha secuencia de espazos abertos e cubertos. Nese vestíbulo recíbese ás persoas visitantes baixo unha pérgola. Tamén se abre un acceso na zona da Plaza de Barcelos. O depósito arqueolóxico ten volume propio e acceso independente no extremo leste do complexo con tres niveis soterrados. A cuberta do edificio barroco tamén se reconstrúe cos mesmos materiais que o paseo en zig-zag. Xérase un entramado en forma de bóveda casi trianguar que apoia nos muros existentes cubrindo unha luz de case 15 metros.

Superficies: Centro Arqueolóxico: 4.152 m2 / Espazo expositivo: 1.670,23 m2 / Espazo de recepción e acollida de visitantes: 498,72 m2 / Talleres: 107,59 m2 / Espazo polivalente: 337,67 m2 / Cafetería: 71 m2 / Total: 6.837,33 m2.

REVELACIÓN UTE SNøHETTA OSLO AS-ALFONSO PENELA FERNÁNDEZ (69 PUNTOS)

A proposta de Snøhetta- Penela está caracterizada pola utilización dunha cuberta como ‘velo protector’ que conecta os tellados existentes dando continuidade e completando o convento seguindo a estrutura orixinal, rematando o edificio barroco e reconstruíndo un volume sur e o volume este dándolle grandes dimensións. Tamén se inclúe unha construción na zona oeste pegada ao edificio de vivendas.

O acceso principal faise a través da Praza de Barcelos na zona sur, presentándose á cidadanía  cun parque xeneroso como introdución á visita a través dunha estrutura contemporánea, un pavillón lixeiro e de grande transparencia que ofrece servizos e acceso ás diferentes zonas do museo. Inspírase na estrutura orixinal do complexo conventual completando o edificio barroco, reconstruíndo o peche ao longo do sur e continuando os volumes existentes ata consolidar a estrutura monástica en planta, ao redor de 3 patios: o claustro co seu xardín medieval, o novo patio-xardín mineral e a transformación de antigo patio de servizo como núcleo de circulación do novo museo.

Superficies: Área de acceso restrinxido: 3.210,74 m2 / Áreas públicas: 623,42 m2 / Espazo de recepción e acollida: 709,88 m2 / Espazos expositivos: 2.818,71 m2 / Total: 7.362, 75 m2.

Comentarios