"E se fose hoxe?": unha exposición mostra o que suporía reeditar o ideario franquista na actualidade

A deputada de Memoria Histórica da entidade provincia, María Ortega, subliña que Galiza segue sen lei nin políticas públicas de memoria e que a dereita estatal ameaza con derrogar a normativa vixente na materia.

Á presentación da exposición asistiron as persoas protagonistas das imaxes. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Á presentación da exposición asistiron as persoas protagonistas das imaxes. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde en funcións de Pontevedra, agochado nun tobo; a presidenta provincial en funcións, Carmela Silva, nun hospital; e as persoas representantes das Alcaldías da comarca do Morrazo nun paredón de fusilamento semellante a onde asasinaron os titulares deses concellos no 36…

Estas imaxes da exposición ‘E se fose hoxe?’ organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra ficarán na rúa ata o 22 de xullo, e xa durante a montaxe da mostra durante a mañá desta segunda feira eran moitas as persoas que paraban a ver o contido e o significado, sorprendidas e curiosas, con grande expectación.

A mostra, que se abriu oficialmente na tarde desta segunda feira, é unha iniciativa coa que a Deputación pretende lembrar as vítimas do franquismo e denunciar as consecuencias que tería reeditar o ideario dos seus asasinos

Nesta campaña (que ademais está a ter difusión noutros formatos físicos e tamén nas redes sociais) colocáronse persoas actuais, ben coñecidas, nas situacións vividas tras o golpe de estado de 1936 por quen as precedeu no cargo ou na profesión, para “homenaxear así a xeración arrebatada e chamar a atención do que suporía unha nova vaga fascista”.

Ademais de Lores, Silva, Juncal, Santos, Ramallo e Portas aparecen na campaña, entre outros persoeiros da cidade do Lérez, padecendo diferentes formas de represión, a propia deputada de Memoria, María Ortega, representando a Juana Otero, vilagarciá rapada e tatuada que sufriu a vexación sexista; o ilustrador Kiko Dasilva, que representa a Castelao e a fame e as penurias económicas que pasou no exilio; Cano Paz, libreiro da Libraría Paz, que representa a incautación de bens e en concreto ao seu avó, Ramiro Paz, a quen fusilaron e logo quitaron a imprenta da súa familia.

A deputada María Ortega subliñou na súa intervención que, no 36, as persoas perderon a vida, os seus bens, ou a súa liberdade, en pago polo seu compromiso vital, ao igual que toda a sociedade, que padeceu as consecuencias da imposición “das ideas reaccionarias, que traerían consigo unha tremenda involución, unha perda global de dereitos, especialmente gravosa no caso das mulleres”.

Subliñou que “con ‘E se fose hoxe?’ quixemos facer unha campaña impactante, que non pasase desapercibida para ninguén. Unha campaña incómoda que nos faga pensar. Que nos impida manter unha postura equidistante”. Agradeceu a todas as persoas participantes e subliñou que con elas  “quixemos traer ao presente as vítimas de entón para humanizalas, para que a sociedade entenda que non eran distintas a nós, que non tiveran outros soños nin emprenderan loitas diferentes ás que nós levamos a cabo ou polas que, simplemente, devecemos”. 

A importancia da xente moza

Facendo unha chamada sobre todo á xente moza, a deputada subliñou que “enchemos a rúa de memoria para achegármonos a todo ese público que non vén aos actos que programamos, convencidas como estamos de que convivimos con quen se empeña en estragar o legado recibido, ou simplemente goza del como se fose innato e asume con pasividade a merma de dereitos como se fose irremediable.

Desde aquí queremos berrarlles alto e claro que non conten con nós. Nós somos herdeiras da xeración arrebatada, das persoas aquí homenaxeadas e tamén de todas aquelas que gardaron a súa memoria para transmitírnola as seguintes xeracións”.

Pola súa banda, o alcalde en funcións de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que esta mostra “recolle unha idea clara, cristalina, ao amosar que logo daquel golpe de Estado homes e mulleres, pais, nais, fillos, fillas, irmáns e irmás... representantes democráticos escollidos pola veciñanza foron asasinados pola barbarie franquista, unha barbarie que tomou o poder de xeito ilexítimo derivando nunha longa noite de pedra ao respecto da cultura, da democracia, da lingua e dos dereitos do pobo galego”.

 

Comentarios