Compostela acolle a xornada de formación do Premio Narf

A final do Premio Narf terá lugar no seo dunha gala no Salón Teatro de Santiago o 28 de outubro ás 20.30 horas.

Foto Lucía Aldao. Autor- Seyfettin Dincturk 1
photo_camera Lucía Aldao.

Dentro das actividades paralelas do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais, este sábado 21 de outubro terá lugar unha xornada formativa para músicos na sala Circular do Auditorio da Galiza de Santiago de Compostela. A xornada, que comeza ás 10.30 horas da mañá, terá lugar na sala circular do Auditorio da Galiza e incluirá, como inicio, unha conferencia de Marián Fernández, socia fundadora de O Cable Inglés e experta en comunicación cultural: Comunicación básica para artistas

A seguir, ás 11.30 horas, o avogado especializado en dereito da cultura Xabier Alonso disertará sobre Dereitos de autor: o reto dixital. Para finalizar, ás 13 horas, Antón Martínez, CEO de EnDirecto, socio de Nordesía, partner local de Womex 2023 pronunciará a charla Como proxectar a túa carreira internacionalmente

Gala do Premio Narf

A final do Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar o sábado 28 de outubro no Salón Teatro ás 20.30 horas. Nel participarán as tres bandas finalistas: Lucía Aldao, Satélite Salitre e MÅI, ademais de Fillas de Cassandra, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo e participará tamén Espiño, que interpretará un tema dedicado a Narf.

O Concurso Fran Pérez 'Narf' de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez 'Narf'. Algunhas das bandas gañadoras deste premio foron, en pasadas edicións, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros. 

Comentarios