Contracultura

Lucía Aldao: "A imaxe da artista que se retira para crear aquí non existe ou só existe en casos concretos"

Lucía Aldao, poeta e artista, vén de publicar PAVA2, un disco que dá continuidade ao que xa lanzara o pasado ano, PAVA. Aldao aborda as dificultades dos tempos nos traballos creativos, especialmente en relación coa economía e a exclusividade, así como a intención “de poder levar os nove temas ao directo no 2023”. 
A poeta e artista, Lucía Aldao (Foto: Nós Diario)
photo_camera A poeta e artista, Lucía Aldao (Foto: Nós Diario)

Por que dividir PAVA en dous discos?

En realidade PAVA2 non se presenta como unha segunda metade do disco, senón como unha segunda entrega. É unha cuestión de tempos, e económica tamén.

O ano pasado tiven tempo para sacar eses cinco temas que conforman PAVA e este ano puiden permitirme sacar os catro temas de PAVA2. É certo que había unha intención detrás de poder levar os nove temas ao directo en 2023, polo que tamén gardan unha coherencia entre si. Con cinco ou catro temas non se pode xirar. 
 
Comenta nas súas redes que os catro temas foron compostos en outubro “con pracer e présa”. Como foi o proceso?

O resto dos traballos que teño, como Aldaolado, fixeron de 2022 un ano de intenso traballo, polo que deixei aparcado o meu proxecto persoal. Entre finais de setembro e outubro tiven tempo de volver a el, sobre todo porque tiña á vista esa viaxe que fago todos os anos para traballar coa Universidade de Leipzig, a que me permite parar en Berlín, onde está o produtor e amigo co que me gusta traballar.

Foi un pracer absoluto poder desfrutar dese proceso creativo de estar tranquila na casa con moita menos carga de traballo, dedicándome ao aspecto creativo, mais tamén o vivín con moita présa porque evidentemente eu non teño unha economía que me permita andar collendo avións a Berlín cando me dá a gana nin moito menos. 

Tiña que aproveitar esa viaxe e, polo tanto, tiña que compor antes e levar os temas o máis rematados posíbel. Tamén é certo que estou moi agradecida por poder estar case en exclusiva con iso, porque é algo que nunca se dá no traballo creativo. Cando menos co alcance de público co que me movo eu e coa miña economía, esa imaxe da artista que se retira para crear aquí non existe, ou é posíbel para exemplos moi concretos. 

Aí tiven o privilexio de poder estar case en exclusiva con isto, o que me permitiu sacalo adiante. Non é que a présa e a presión sexan inimigas da creación, porque as cousas saen igual e levamos toda a vida así, mais é certo que dificultan o proceso. Estou contenta con como se traballaron as melodías e as letras e iso foi porque tiven tempo e exclusividade. 
 
De onde saen títulos como "A misántropa riquiña" ou "Sensata e con coche"?

Supoño que en moitos momentos do EP hai esta idea de definírmonos a través das dualidades. Quero dicir que ninguén é misántropa nin riquiña todo o tempo. Ninguén é unha amiga ou unha parella estupenda sempre. Combinamos eses xeitos de ser e está ben que o teñamos presente, porque se non, sempre tendemos a meter as persoas en caixas, e ninguén merece ter que encaixar nas nosas expectativas.

A min faime graza ser simpática nos títulos, é un momento de xogo cando as cancións xa están feitas. Tamén lle quito ferro porque non me importa que sexa un gran título, senón que me faga rir nun momento determinado. E o de "Sensata e con coche" é precisamente unha homenaxe a esas colegas que teñen esas dúas características: son sensatas, pensan con xeito, e ademais parece que sempre levan alguén o volante. 
 
Dicía tamén nas redes que ninguén lle preguntaba polo símbolo xeométrico que acompaña todos os proxectos de PAVA.

É unha carallada, o que pasa é que me fai graza. Evidentemente son as miñas iniciais, L, A e S, mais o conto xurdiu dunha ocasión na que deixaba de vivir cunhas amigas que marchaban da casa e deixaran uns ganchos na parede. Intentei quitar un e rompina, así que decidín deixalos aí e disimulalos cun fío de la que enganchara uns cos outros de maneira totalmente aleatoria.

Cando rematei gustoume moito a xeometría que quedara e resulta que eran as miñas iniciais. Acababa de deseñar o meu logo sen querer e sen saber para que o ía precisar, mais á mínima que puiden utilizalo decidín facelo.  

Comentarios