mércores 27/10/21

Compostela acolle a edición "máis ambiciosa" do festival Maré

O certame de músicas internacionais comezará o próximo 23 de setembro. A organización destaca que volve cunha "edición renovada e multidisciplinar" na que haberá 30 propostas dos dous lados do Atlántico.
Imaxe promocional dunha das bandas que actuará este ano. (Foto: Festival Maré) #maré #festival #internacional #compostela #lusofonía #galego #galeguía
Imaxe promocional dunha das bandas que actuará este ano. (Foto: Festival Maré)

O festival Maré, de músicas e artes atlánticas, volve na súa nova edición do 23 ao 26 de setembro. A cita que decorre en Compostela será, segundo a organización, a “mais ambiciosa en propostas musicais e artísticas das dúas beiras do Atlántico”.

Malia as dificultades para conseguir un cartel internacional dadas as circunstancias sanitarias actuais, a programación contará con máis de 30 propostas culturais “diversas”, o que vai deixar o país “no epicentro da vangarda creativa mundial”.

Polos diferentes escenarios do Teatro Principal, o Auditorio da Galiza, a praza da Quintana e o parque de San Domingos de Bonaval -estes dous últimos sumados nesta ocasión- pasarán artistas emerxentes que non paran de acadar éxitos como De Verto e tamén outras propostas xa consagradas como Davide Salvado, Maria Arnal i Marcel Bagés, Bia Ferreira, Nación Ekeko ou Mad Professor.

Chegarán creadoras e creadores de máis de 10 estados e países diferentes. Así, aliás a achega galega ao cartel, haberá representación de Catalunya, Portugal, Brasil, Mozambique, Arxentina, Sáhara Occidental ou Colombia, entre outros. Do Estado veciño chegará un amplo grupo de participantes e mesmo haberá programación especial en Rádio Pessoas.

O plurilingüismo, sinal de identidade

“No festival maré 21 soarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, reggae ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas con preferencia polas minoritarias e minorizadas: do mambara ao guaraní, o chopi timbilia –o idioma do lema do festival, Warethwa (avante)–, pasando polo catalán, inglés crioulo ou galego, ademais do portugués e o español”, destaca a organización.

“O plurilingüismo é unha riqueza cultural inmensa, e linguas como o galego, o catalán ou o guaraní e outras crioulas van estar presentes neste festival”, destaca o promotor Vítor Belho.

Entradas e abonos

"As capacidades máximas están deseñadas en función da situación actual, pero estanse a producir conversas entre o sector e a comisión de seguimento, e esperamos que nos próximos días poidamos comunicar que este será un dos primeiros festivais que se achega á tan desexada normalidade", remarca Belho.

As entradas e os abonos para o evento xa están dispoñíbeis na páxina web mare.gal e nas redes sociais do certame.  

comentarios