O comité denuncia o desmantelamento da CRTVG como servizo público

O comité intercentros considera que coa eliminación do programa Diario Cultural, a radio galega “silencia un facho de referencia cultural e pecha unha das poucas fiestras que quedaban na emisora de todos e todas". A isto engaden que coa supresión das desconexións territoriais aumentará aínda máis a manipulación informativa. Este 14 de maio haberá unha asemblea de traballadores para valoraras medidas a adoptar.

tvg manipulacion

O comité Intercentros da Corporación Radio Televisión de Galiza (CRTVG) denuncia que a dirección “está a desmantelar o servizo público de comunicación audiovisual, encomendado polo Parlamento de Galiza”.

A desaparición do programa Diario Cultural após 28 anos nas ondas e a anunciada supresión das desconexións territoriais locais, espazo tradicionalmente reservado para a información de proximidade, son en opinión dos sindicatos “medidas inasumibles que, lonxe de obedecer a un reforzamento do medio, contribuirán decisivamente ao deterioramento do servizo público que este órgano de representación leva anos denunciando”.

Considera tamén o comité que, coa decisión sobre o Diario Cultural, a radio galega “silencia un facho de referencia cultural e pecha unha das poucas fiestras que quedaban na emisora de todos e todas para cumprir coa misión que a CRTVG ten de promover a difusión e a divulgación da nosa  cultura na nosa lingua”.

Con respecto ás desconexións territoriais, que viñan cubrindo o deber que ten a CRTVG de ofrecer información local de proximidade nun país con gran dispersión poboacional -fórmula baseada no modelo de delegacións territoriais que a CRTVG vén tamén desmantelando desde o ano 2010 (cando pechou as delegacións de Burela, Ferrol e Pontevedra)-, o Intercentros considera que se trata dunha “medida estritamente política que obedece ao interese do Partido Popular de controlar a información local de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro”.

Neste sentido, o comité denuncia que coa supresión desas desconexións aumentará aínda máis a manipulación informativa, cuxos contidos pasarán a ser controlados e seleccionados desde a central de San Marcos, fundamentalmente polo responsable dos informativos da radio, Alejandro López Carballeira.

O Comité Intercentrosanuncia que esta segunda feira, 14 de maio, realizará asemblea de traballadores e traballadoras para acordar co persoal da CRTVG as mobilizacións que se desenvolverán para esixir a reversión destas medidas.

Comentarios