Comeza a segunda edición do Lugo Music Festival

A concelleira de Cultura e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo recibiron esta mañá participantes do encontro, procedentes de distintas zonas do mundo.
Ferreiro, na súa visita á Escola Municipal de Música.
photo_camera Ferreiro, na súa visita á Escola Municipal de Música.

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron a Escola Municipal de Música, onde participaron na benvida ás persoas participantes da segunda edición do Lugo Music Festival, o encontro de dirección e canto organizado pola área de Cultura en colaboración coa asociación Músico Crisanto que durante esta semana achega a Lugo a unha selección músicos e músicas procedentes de distintas zonas do mundo.

Ferreiro destacou esta cita "como unha gran promoción da cidade, poñendo a Lugo no mapa da creación artística, e convertendo as nosas rúas nun escenario importante para a formación das directoras e directores e cantantes". 

A concelleira destacou que a área de Cultura e Turismo “busca achegar a Lugo un turismo de calidade, fuxindo das masificacións e apostando por unha ampla actividade cultural que poidan desfrutar tanto as veciñas e veciños de Lugo como as persoas que se achegan a pasar uns días”, e engadiu "actividades como o Lugo Music Festival permítennos cumprir este obxectivo, posicionando a Lugo como un punto importante na formación musical”.

 

No Lugo Music Festival participan directores e directoras de orquestra xunto con cantantes que chegaron a Lugo procedentes de cidades galegas, do estado e doutros países como Alemaña.

Durante esta semana recibirán formación a cargo de Cristobal Soler, presidente da Asociación Española de Directores de Orquestra e director das orquestras do Teatro Real, Orquestra de RTVE e Orquestra Nacional de España na rama de dirección, e  de Lorena Valero na rama de canto, xunto cos mestres Enrique García Asensio, un dos directores de orquestra máis recoñecidos do estado, e Rafael Pascual Villaplana, compositor e director valenciano que conta con múltiples recoñecementos a nivel estatal e internacional. 

 

Comentarios