O Lucus Music Fest combina actuacións e formación musical

Entre o 28 de agosto e o 2 de setembro, as rúas de Lugo acollerán concertos cunha gran variedade de estilos, xunto con masterclass a cargo dos directores de orquestra Rafael Pascual Vilaplana e Enrique García Asensio

Ferreiro (segunda pola esquerda) cos organizadores do festival.
photo_camera Ferreiro (segunda pola esquerda) cos organizadores do festival.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou onte a segunda edición do Lucus Music Fest, unha nova edición da proposta organizada pola asociación Músico Crisanto -que conta coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo- e que encherá de música as rúas de Lugo entre os días 28 de agosto e o 2 de setembro. 

Lucus Music Fest acollerá, ao mesmo tempo, algunhas masterclass de dirección e de canto, achegando a Lugo unha serie de directores de orquestra para participar en formacións da man de profesionais como Rafael Pascual Vilaplana ou Enrique García Asensio.

A concelleira de Cultura indicou que esta segunda edición "propón quince actividades abertas ao público xeral, con concertos, conferencias e ensaios abertos de distintas agrupacións musicais, que servirán tamén para mostrar o traballo realizado polas cantantes e directores asistentes ao campus". 

 

Clases personalizadas

 O campus, na categoría de dirección musical, permitirá ás participantes "desenvolver as súas competencias como directores e directoras de agrupacións musicais, mellorando as ferramentas xestuais e técnicas das participantes" e mellorando a relación orgánica entre a agrupación e a dirección. Para isto, achegarase formación en eidos como a posición corporal, o tempo, as dinámicas de traballo ou a independencia xestual. 

"Na categoría de canto, búscase transmitir a importancia do coñecemento propio para sacar o maior proveito á voz das persoas participantes", explicou Maite Ferreiro. 

Organizaranse clases individuais e personalizadas para desenvolver as calidades segundo as necesidades de cada unha das participantes, afondando na preparación de castings, concursos e audicións achegando coñecemento detallado sobre todos os protocolos a seguir, aclarou a edil de Cultura. 

O programa de concertos contempla actuacións da Banda Sinfónica, Big Bands ou grupos de corda e de metais, entre outros.

 

Comentarios