Teatro

Clásicas Desfeitas combina o 'Hamlet' de Álvaro Cunqueiro cos videoxogos

O grupo ComTecArt da Universidade de Vigo crea unha peza interactiva.
Representación adaptada do 'Hamlet'. (Foto: Xunta)
photo_camera Representación adaptada do 'Hamlet'. (Foto: Xunta)

A peza teatral O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro, e elementos procedentes tanto da obra orixinal de William Shakespeare como do relato A Cartomante, do escritor brasileiro Machado de Assis, combínanse coas dinámicas propias dun videoxogo para dar forma a unha proposta de teatro interactivo.

Deste modo preséntase Hamlet, o de Cunqueiro, o proxecto que os integrantes do grupo de innovación docente ComTecArt da Universidade de Vigo Beatriz Legerén e Antonio Pena desenvolven xunto a compañía brasileira Boccaccione e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas, nunha residencia artística na Cidade da Cultura, no marco de Clásicas Desfeitas, un ciclo promovido polo Centro Dramático Galego que propón redescubrir clásicos da literatura a través doutras disciplinas. 

O grupo ComTecArt xa fora responsable en 2022 da primeira residencia artística de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura, na que un grupo de estudantes da Universidad de Vigo creou un prototipo de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nesta mestura de "dúas disciplinas aparentemente inconexas", como son o teatro e os videoxogos, o grupo ComTecArt tomou como punto de partida o Hamlet de Cunqueiro, ao que sumaron as "dinámicas de exploración" propias dunha tipoloxía de videoxogos como son os walking simulator, no que as persoas xogadoras "van camiñando por uns espazos, nos que atopan obstáculos ou pistas".

Neste caso, o público percorrerá as galerías da Cidade da Cultura nas que, de modo paralelo ao desenvolvemento do espectáculo, iranse atopando obxectos cos que resolver os "tres enigmas" formulados ao comezo, de tal forma que "as decisións e accións da audiencia crearán cada vez unha resposta distinta ás incógnitas sobre o amor, a morte e a familia que atormentan a Hamlet". Hamlet, o de Cunqueiro poderá verse ás 18, 19.30 e 21 horas os días 2 e 3 de febreiro. 

Comentarios