Foi o autor da escenografía do 'Don Hamlet' de Cunqueiro no CDG

O festival de Almada homenaxea ao escenógrafo José Manuel Castanheira

José Manuel Castanheira é un dos máis recoñecidos escenógrafos do teatro europeo. O Festival de Almada rendeulle unha homenaxe na súa última edición, ocasión que aproveitou Nós Diario para conversar con el sobre a súa experiencia galega, como escenógrafo do Don Hamlet de Cunqueiro en 1991.
Castanheira coa alcaldesa de Almada, Inês de Medeiros e Américo Rodrigues, Diretor Geral de Artes.
photo_camera Castanheira coa alcaldesa de Almada, Inês de Medeiros e Américo Rodrigues, Diretor Geral de Artes.

É un dos escenógrafos portugueses máis recoñecidos, cunha traxectoria internacional que o converte nunha das principais figuras mundiais das artes escenográficas. José Manuel Castanheira foi homenaxeado este ano polo Festival de Teatro de Almada, que organizou unha exposición antolóxica da súa obra unha das máis prolíficas de toda a escenografía europea. 

Acode á cita con Nós Diario no restaurante do Teatro Municipal Joaquim Benite facendo gala dunha calma que lle outorga un aire estrañamente sereno, como dando a entender que está xa por riba dos premios e os recoñecementos. Mais as súas primeiras palabras desmenten esa impresión: está feliz. “Sempre ten importancia que o traballo teña recoñecemento", confesa. "O aplauso do público é o obxectivo último do teatro. Neste caso, ademais, é realmente especial: levo xa trinta e seis anos colaborando tanto co festival como coa cidade de Almada -se é que as dúas cousas se poden separar- e aquí síntome como na casa, o que lle outorga un valor engadido a esta distinción". 

Castanheira é, ademais, un arquitecto que loitou porque se crease a especialidade de escenografía na facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa e, sobre todo, unha das persoas que máis -e con máis acerto- reflexiona sobre o seu oficio. “Este premio constitúe mais unha oportunidade para loitar contra a invisibilidade da escenografía", declara. "Non sempre foi así, pero o papel da escenografía leva unhas décadas un tanto disolvido, ou ignorado.Existe unha certa inquietude sobre o papel que xoga ou podería xogar o escenógrafo dentro da construción do espectáculo". 

“O teatro ten que recentrarse naquilo que é o fundamento que lle dá sentido á súa existencia", continúa. "Na actualidade hai demasiado ruído. Vivimos nunha turbulencia tal que moitas cuestións fundamentais quedan descentradas, desvirtuadas. O teatro tamén se atopa nun proceso bastante confuso que inclúe tentativas de fusión con outras áreas, un certo fetichismo das ferramentas tecnolóxicas sofisticadas, a emulación da velocidade da sociedade da información... E, sobre todo, con moitas connivencias políticas, existen moitas influencias -ao meu ver maléficas- do puro entretemento. Todo isto tamén desorienta o público. Creo que cada vez é máis necesario que o poder político acepte o teatro como un servizo público e que o asuma dunha forma expresa e clara”, explica. 

 

O teatro e a vida 

Nos escritos de Castanheira desvélase sempre a preocupación sobre como se relacionan o teatro e a vida. "Crear espazos para a vida real ou inventar espazos para a representación da vida, sendo tarefas diferente, teñen raíces comúns", escribe no seu libro Desenhar nuvens. Esa inquietude transfórmase nun desafío ante o teatro do futuro. 

“O teatro é un fenómeno natural da condición humana. A humanidade, tal e como a coñecemos e a interiorizamos, ten unha necesidade absoluta de ser ver nun espello. Como individuo e como colectivo, en canto ser social. Esa necesidade precisa ser centrada e, persoalmente, penso que a escenografía é unha arte tan esencial para o teatro como o é a arquitectura para a vida das sociedades. Unha crea espazos para a vida e outra crea espazos para a ficción. Pero en ambos espazos o obxectivo é o mesmo: crear fórmulas de convivencia para que os seres humanos sexan felices. Ás veces, esta cuestión da relación entre a vida e o teatro pode ser motivo de displicencia e mesmo de burla, atribuíndo ese desexo a un ensoño de poetas. Mais eu sigo convencido de que, precisamente, esa posibilidade poética pode contribuír a mellorar a vida das persoas". 

Boceto de Castanheira para o 'Don Hamlet' de Cunqueiro.
Boceto de Castanheira para o 'Don Hamlet' de Cunqueiro.

 

Don Hamlet 

A relación entre a ficción e a vida dáse dunha forma moi particular en Cunqueiro e, debemos lembrar, Castanheira foi quen realizou a escenografía da montaxe de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca que Ricard Salvat dirixiu para o Centro Dramático Galego en 1991. Castanheira subliña a importancia de Salvat para o desenvolvemento da dramaturxia.

"Teño un recordo moi grato daquel traballo porque foi o primeiro que fixen fóra de Portugal. Salvat viña con frecuencia a Lisboa, para dar cursos e conferencias. Nalgunha desas visitas coñeceu o meu traballo e chamoume para colaborar con el no Don Hamlet", lembra. "Comprender o universo da obra non foi doado, mais unha visita que fixemos ao convento de Santo Domingo de Bonaval e á famosa escada tripla deunos as claves para crear un espazo que puidese acoller a obra de Cunqueiro. Aquel descubrimento foi fundamental". 

Salvat, que desde moi novo foi recoñecido no teatro de toda a Europa, estivo moi vencellado ao teatro galego e ao portugués e, en palabras de Castanheira, "foi unha persoa importantísima para vincular o teatro feito na península Ibérica coas novas tendencias que xurdían no continente".  

O Don Hamlet do CDG tivo unha xira importante e mesmo chegou a Lisboa. "Foi unha experiencia moi rica e enriquecedora. Infelizmente, non volvín traballar na Galiza", di Castanheira con xesto melancólico. Quizais no futuro". 

 

Comentarios