MARILAR ALEIXANDRE, ESCRITORA

“A ciencia tamén é cultura galega”

Marilar Aleixandre vén de ser elixida como coordinadora de Compostela Aberta e tamén proposta para entrar na RAG. Entrevistámola un 8 de marzo no que nos recorda que ese día “146 persoas (123 mulleres) morreron nun incencio nunha fábrica de Nova York” e no que chama a lembrar que “hai moitas rapazas que traballan no téxtil no terceiro mundo e deberiamos pensar niso ao mercar roupa”. 

Marilar-Aleixandre
photo_camera Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é escritora, tradutora e profesora de didáctica da ciencia na USC. Ten unha extensa obra publicada en todos os xéneros e vén de ser proposta pola Academia Galega para cubrir a vacante producida polo pasamento do académico Xosé Neira Vilas. 

- Es como mínimo a muller do mes. Vés de ser elixida como coordinadora de Compostela Aberta e proposta para entrar na Academia Galega.
- Ás veces as cousas coinciden. Pero quero subliñar que o da RAG como ben dis é unha proposta, porque xa se está dando como feito e aínda ten que ser votada como en xullo e logo a toma de posesión será a final de ano. Ou sexa, que aínda falta. 

- Agora mesmo estás a representar un triplo papel como muller destacada no eido das letras, das ciencias e agora tamén na política.
- Eu sempre tiven unha dupla vida, con dúas identidades que competían, unha como profesora e investigadora e outra como escritora. E creo que ambas as dúas teñen que ver coa proposta da Academia. Eu fun das primeiras persoas que participou nos primeiros textos de ensino en galego das ciencias. E o da política é unha recuperación de identidade anterior, eu estiven 22 anos bastante fóra dunha participación máis activa, pero eu sempre fun unha persoa moi politizada, e participei en política, por exemplo no movemento Nunca Máis. Anteriormente   tivera unha militancia moi activa, tanto baixo o franquismo, como no movemento veciñal en Vigo. Digamos que fun recuperada para iso cando Compostela Aberta me pediu que formase parte das listas porque foi un proxecto que me espertou ilusión. E eu creo que na política, dado que dá moitos disgustos, hai que actuar cando unha ten ilusión. 

Na política sobra testosterona en cantidades industriais, mesmo na nova política

- Participaches tamén no Encontro para unha Marea Galega, que supoño que se retomará de cara ás galegas. 
- Eu estiven na coordinadora até xaneiro e logo deixeino, pero claro que sigo en contacto. Son cousas que esixen tempo, por unha banda, e pola outra, creo que é interesante que haxa participación de distintas persoas. É a forma de que haxa máis xente e de que sexa máis aberto. Eu non sei que pasará de cara ás autonómicas, pero eu espero que a idea que estaba detrás da xente que impulsamos o Encontro, conseguir unha participación moi ampla da sociedade civil na que si que estean os partidos, mais non collendo todo o protagonismo, eu agardo que se retome para as autonómicas. Creo que neste momento hai varios movementos que apuntan aí. Creo que en En Marea agora estase discutindo un regulamento que permita a participación e rendición de contas que eu creo que é indispensable se a idea é facer unha política nova e máis próxima ás persoas. 

- Moitas mulleres afirman que a política é un ámbito aínda máis duro para as féminas. Ti que opinas?
Totalmente de acordo. É un ámbito no que sobra testosterona en cantidades industriais, mesmo na nova política, creo que foi Errejón cando lle preguntaron por que a maioría dos secretarios autonómicos ou provinciais eran homes, el dixo que “facía falta un perfil retador na política”. Eu estou en desacordo. Creo que hai que mudar a forma de facer política, hai que facer unha política de cooperación e non de confrontación. Houbo avances, pero creo que fan falta moitos máis. Tanto en que haxa máis mulleres, como en chegar a acordos entre persoas que teñen obxectivos comúns. Iso si, que ninguén se confunda, non estou a falar de Ciudadanos, falo de persoas que queren poñer en primeiro plano os dereitos das persoas, a xustiza social, a igualdade... Chegar a acordos significa que a xente ten que ceder, non significa impoñer algo. Esa forma de facer política necesita ser cambiada. 

A RAG e calquera institución ten que ter unha conexión fluída coa sociedade

- Volvendo á Academia, parece que está a intentar compensar o déficit histórico coas mullers. Agora son cinco de trinta, e en breve seredes seis...
- É un avance, mais as feministas o que pedimos é a metade de todo. O lóxico é que sexamos a metade das listas electorais, a metade dos postos elixibles, a metade dos representantes públicos, a metade das académicas... E nese momento estaremos chegando á igualdade. Eu son profesora na USC e as mulleres como docentes son a metade, pero son moitas máis nos postos máis precarios, no profesorado interino, que son mileuristas. Porén, catedráticas somos o 20%. Isto mostra que a promoción non se fai por igual. Porque cando unha muller é escollida para un posto, parece que se espalla a idea de que é porque hai unha cota. E cando é un varón dáse por suposto de que é polos seus méritos. E eu nego isto. As mulleres que chegaron a algún sitio normalmente tiveron que esforzarse máis que os homes en chegar aí. 

- Que supón para ti substituír a Neira Vilas na Academia?
- É algo que ten un factor emocional grande, porque eu tíñalle moito cariño e el a min. Era un home entrañable, compartiamos moitas cousas. Ambos valorabamos a literatura infantil e xuvenil, non é unha literatura menor. E valoro tamén o seu compromiso social e político, sempre estivo a carón da xente que sufría inxustizas e eu síntome moi identificada con el. 

As mulleres que chegaron a algún sitio normalmente tiveron que esforzarse máis 

- Na RAG destacaron o teu papel como pioneira no ensino das ciencias en galego, un sector no que aínda queda moito por facer. 
O problema é que hai algunhas destas cousas en que estamos volvendo ao pasado. E eu pola idade que teño, pois resulta que me encontro nunha rúa nunha manifestación polo dereito ao aborto, cando eu xa me manifestaba a finais dos 70 por iso mesmo. Estamos na máquina do tempo. E co do galego igual, eu en Vigo participei ao pouco de chegar a Galiza na redacción de materiais didácticos en galego e sobre a natureza galega. Eu fixen, con colegas do Instituto Castelao, os dous primeiros libros en galego de ciencia, e digo dous porque o primeiro estaba pactado cunha editorial e cando foi o golpe de estado de Tejero dixéronnos que non era o momento, e tivemos que pagalo igual e tiralo ao lixo. Logo no ano 88 xa saiu a colección Setestrelo en Xerais, 13 anos despois da morte de Franco, pero foi un proceso lento porque había moito medo. E agora temos un decreto que di que a física e as matemáticas deben darse en castelán. É un disparate! 

- Cales son os teus obxectivos na Academia? En que ámbitos che gustaría deixar pegada?
Aínda é un pouco cedo para falar disto, porque en todas as entidades colectivas hai que ir con actitude de cooperación. Eu sei o que me gustaría pero teño que ver o que se agarda de min. Eu hai un ámbito que eu creo que podo achegar, que é o do feminismo, e xa hai persoas feministas na Academia, e iso é algo que debe ser reforzado neste momento. Hai feminismo moi interesante que se está a facer aquí, tanto a nivel de ensaio como no activismo, e eu espero achegar algo nese sentido. E tamén supoño que no ámbito nas ciencias, porque é unha situación que debería estar totalmente normalizada e non o está. E aí hai dúas cousas: a ciencia tamén é cultura galega. Non só é cultura galega a literatura e a música. Hai que incorporar toda a actividade científica que se está facendo tanto sobre Galiza e sobre outras cuestións máis universais. Temos que facer un esforzo para que se considere parte da cultura galega e, por outra parte, e que as científicas recoñezan que se pode dar ciencia en galego. E,  por outra banda, que se rectifique ese decreto. 

E eu creo que na política, dado que dá moitos disgustos, hai que actuar cando unha ten ilusión. 

- Cales cres que son os principais retos dunha Academia coma a galega neste século XXI?
- Saberei algo máis cando estea dentro, pero eu creo que a RAG e calquera institución ten que ter unha conexión fluída coa sociedade. Isto é máis fácil dicilo que facelo, pero creo que nos últimos anos déronse pasos cara a iso,  por exemplo, cando se elixiu a Lois Pereiro. Hai moitas cousas nas que se avanzou nos últimos anos, como o diccionario en liña, a web... e iso pode ampliarse con recursos para dar clases en galego, por exemplo. Creo que xa se están dando pasos nesa dirección: apertura á sociedade, a transparencia, a rendición de contas... 

- Para rematar, cóntanos dos teus próximos proxectos literarios. Todo o que publicaches ultimamente foi para público infantil e xuvenil...
- Neste intre estou cun libro de poesía que lle prometín ás miñas amigas de Apiario, que é un proxecto editorial marabilloso. Pretendo que estea rematado en maio, pero non sei porque hai moitas identidades están aí competindo. E tamén comecei un libro de relatos, pero que vai algo máis atrasado. 

Comentarios