Música tradicional, erudita e moderna como partes dun mesmo organismo

"O ciclo Músicas de Sofá nace do eclecticismo"

Tambor Colectivo é un proxecto educativo-musical que xunta tradición e modernidade, creación cultural e innovación pedagóxica, onde se pode improvisar até "un capacho a modo de bombo". Logo do ciclo Músicas de Sofá, do que xa están artellando a próxima edición en liña, conversamos cos fundadores e mestres desta escola, tamén integrantes de grupos como Fiandola, Caldo ou SonDeSeu: Gonzalo Rodríguez, pianista reconvertido en teclista; Diego Alonso, saxofonista; Anaïs Barbier, docente de canto e percusión tradicional; Pedro Fariñas, gaiteiro, guitarrista; e a violinista María Jorge. 
 
As mestras e mestres do Tambor Colectivo continúan con parte da actividade docente en liña.
photo_camera As mestras e mestres do Tambor Colectivo continúan con parte da actividade docente en liña.

Cando e como naceu o proxecto Tambor Colectivo?
En 2018 coa inquedanza de crear un espazo de difusión e aprendizaxe musical alternativo, independente e de integración tanto a nivel social como estético no sur da Galiza. Isto é, un lugar desde o que poder aproximar os grupos, colectivos e artistas musicais galegos ou da nosa contorna ao público; pero tamén un lugar onde aprender a tocar e entender a música dunha maneira máis heterodoxa, desde a visión da música tradicional, a erudita e a música moderna e a improvisación como partes dun mesmo "organismo". Estas inquendanzas acabaron por darlle forma ao Ciclo de Músicas de Sofá e á Escola de Música do Tambor Colectivo. 
Agora mesmo temos dous espazos, un no Centro Cultural de Vilaza (Gondomar) e outro nun local en Vigo, na zona da Rúa de López Mora onde impartimos clases.  

Trátase dun proxecto que xunta música moderna e tradicional. De primeiras pode parecer que non casan.
De primeiras pode parecer que a música moderna e a tradicional non podan conxugarse, pero tal e como dixemos ao principio, partimos da idea de que as músicas que facemos forman parte dun “mesmo organismo”. Así, por exemplo, unha peza tradicional integrada nunha harmonía moderna ou cunha abordaxe non tan común, non é máis que o resultado da liberdade experimental. Realmente o moderno e o antigo sempre estiveron fusionados dalgún xeito. Os compositores do século XX, e un pouco antes, xa vían as músicas de tradición oral como unha materia prima da que partir, o jazz non deixa de ser tradición e o que entendemos como música folk agora tamén está empapada de música moderna.  

Que nos poden contar do ciclo Músicas de Sofá?  
O ciclo de Músicas de Sofá nace precisamente do eclecticismo, do gusto por diferentes grupos e estilos do panorama galego que por diferentes motivos poden non ter  cabida dentro de festivais máis comúns. Así que asumimos desde o primeiro momento que as Músicas de Sofá albergarían estilos e músicas que poden ser totalmente distintas unhas doutras, como así ten acontecido nas cinco edicións que levamos xa. Seis, se contamos a Edición Corentena.

Como están a vivir a situación de alarma sanitaria pola COVID-19?  
A situación nos últimos anos ten sido, pero sobre todo agora é, e vai seguir sendo, complicada para todos os actores da industria cultural. Por iso é máis urxente que nunca que as institucións dean seguridade laboral e económica a todas as persoas que traballan para que un concerto ou un espectáculo poida realizarse. 
Estamos a ver como os artistas teñen feito concertos desde as súas casas durante o confinamento. Nós mesmas organizamos durante as primeiras semanas un cartaz de concertos a través do Facebook e Instagram do Ciclo de Músicas de Sofá "Edición Corentena", coa colaboración de High Paw, Abe Rábade, Ugía Pedreira, Margarida Mariño e Najla Shami entre outras... Pero infelizmente, os concertos en salas e teatros van demorar bastante en poder voltar a acontecer. 
Non é un problema exclusivo dos músicos ou dos traballadores culturais, é un problema económico global, pero temos que recordar que a precariedade é a norma desde hai bastantes anos neste ámbito laboral e sen medidas concretas para o noso sector a curto e medio prazo, aínda se vai agravar máis. Por outra banda, é un bo momento para estudar os nosos instrumentos, descubrir nova música, compor, facer arranxos, ordenar apuntamentos... para voltar aos palcos con toda a forza que poidamos. Ademais, na nosa escola seguimos dando aulas de instrumento, harmonía moderna, entrenamento auditivo e improvisación online

Comentarios