Un ciclo de cinema para reivindicar os dereitos da infancia

A Fundación Araguaney convida a acudir ao ciclo 'Cinema e dereitos da infancia. Construíndo un mundo mellor'.
Fotograma do filme 'Farha', de Darin J. Sallam.
photo_camera Fotograma do filme 'Farha', de Darin J. Sallam.

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas organiza coa Deputación da Coruña o ciclo "Cinema e dereitos da infancia. Construíndo un mundo mellor", que comezará a vindeira segunda feira, 25 de setembro, e continuará con outras tres proxeccións os días 2, 9 e 16 de outubro, sempre no salón Rahid do hotel Eurostars Araguaney de Santiago, ás 20 horas, con entrada gratuíta até completar a capacidade do recinto —previa inscrición—.

O público poderá gozar de dúas ficcións e dous documentais nos que os protagonistas son as nenas e nenos esquecidos pola sociedade, que descoñecen e ignoran as dificultades, trabas e vulneracións ás que se enfrontan cada día. A través destas pezas audiovisuais, preséntanse os diferentes problemas polos que atravesa a infancia máis vulnerábel, como as consecuencias dos conflitos bélicos, os prexuízos, os abusos sexuais, a misoxinia ou o racismo.

Estes filmes, salientan desde a Fundación Araguaney, buscan "pór no centro a infancia, alén de facela visíbel", pois permítenos "coñecer as súas necesidades para abordalas de maneira urxente, contribuíndo a garantir os seus dereitos e póndolle nome á súa problemática".

O 25 de setembro proxectarase O retorno: A vida despois do ISIS, un documental de Alba Sotorra sobre mulleres occidentais que se entregaron ao Estado Islámico. O 2 de outubro será a quenda da longametraxe de ficción de Darin J. Sallam Farha, protagonizada por unha nena palestina que soña con ir á escola e abandonar a dura vida no campo.

O día 9, outro documental, Hamada, de Eloy Domínguez, un retrato insólito de tres amigos de 25 anos que viven nun campamento de refuxiados no Sáhara. E, finalmente, o día 16, Paréceste a min, unha ficción de Dina Amer sobre unha moza criada nos suburbios de París cunha vida marcada polos abusos, a pobreza e a marxinación.

Comentarios