O FICBueu proxecta 89 curtametraxes de 30 países

A actriz Luísa Merelas recibirá o Premio Cinema Galego.
Luísa Merelas na peza 'Bernarda', da compañía Malasombra.
photo_camera Luísa Merelas na peza 'Bernarda', da compañía Malasombra.

O Festival Internacional de Cinema, FICBueu, celebra este 2023 a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, entre o 8 e o 23 de setembro. Do total de curtas, 28 participan na sección oficial do festival. A mostra comezou onte e durará até o 17 de setembro, coas proxeccións no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. 

As curtas a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19.30 horas e ás 21.30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión. As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países dos cinco continentes, da China a Mongolia, pasando por Somalia ou Islandia.

 

Cinema galego 

Ademais, o festival elixiu este ano catro curtas producidas ou dirixidas na Galiza (Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Anxo Santos; e Sandwich Cat, unha curta de animación de David Fidalgo) para competir na sección oficial.

A programación inclúe ademais media ducia de curtas de novas persoas creadoras da Galiza no espazo denominado GZ_00, que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de Escolas Internacionais e Descubertas.

O Premio Cinema Galego FICBueue será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. A organización destaca que se lle outorga pola súa "importante traxectoria en televisión, no teatro e no cinema, e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas". Merelas participou en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Fariña e películas como Os luns ao sol ou As bestas. Ademais as actividades paralelas inclúen as I Xornadas Cinematográficas e a sección Retrospectiva, dedicada este ano ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989).

 

Comentarios