xoves 02/12/21
É a sexta muller con cadeira na institución

Chus Pato viaxa ás orixes do poema no seu discurso de ingreso na Academia

Cun tenso discurso filósofico sobre as fontes e orixes do poema, Chus Pato (Ourense, 1955) converteuse este sábado na sexta muller do pleno da Real Academia Galega. "O poema é un idioma cunha antigüidade de milenios, un idioma que vive dentro dos idiomas", expuxo no paraninfo do instituto Otero Pedrayo de Ourense, "e que ten por honra escribir o mesmo sen repetirse xamais".
 

[Imaxe: RAG] Chus Pato
[Imaxe: RAG] Chus Pato

Nas costuras dunha "cuestión tan ampla e esquiva" como a poesía, o poema e a poeta, Pato configurou un mapa das súas preocupacións como autora, responsábel dunha das obras máis intensas e expansivas da literatura galega, e non só, recente. A partir da distinción entre voz e fala que extraeu de Aristóteles -"a nosa é a única especie entre os animais que carece de voz"-, e cun pé en pensadores fundamentais para comprender a súa aposta estética -Jean-Luc Nancy, Giorgio Agamben-, contornou as dimensións e a xeografía da "lingua propia da poesía".

"A esta lingua que é e non é a mesma que a dos usos máis comúns chamareille lingua do poema", estendeuse, "unha lingua que en realidade é unha pobreza". Ao seu ver, esta particular dicción responde a dúas liñas de forza principais, a intensidade e "a súa capacidade para lindar cos bordos, coas fronteiras das outras escrituras". A obra poética de Chus Pato, sobre todo despois desa inflexión que supuxo M-Talá (2000), adéntrase precisamente en territorios liminares, híbridos, pouco transitados.

Pero a intervención da poeta excedía, con moito, a estética. Porque ao falar da lingua do poema    falaba "da matriz de todas as demais linguas que compoñen un idioma". E advertía de que a comunicación estabelecida pola poesía non é descifrábel desde os usos comúns dunha lingua. "O poema é moi anterior á moderna institución que chamamos literatura", engadiu, "e durante milenios a súa vida transcorreu fóra desta disciplina".

Lugar de sombras e fisuras, irredutíbel aos pactos e aos consensos, un curtocircuíto no discorrer do idioma, "o poema sería ese lugar onde a intelixencia se escurece nos nomes e os nomes xogan ao esconderse con intelixencia". Dous poetas que se atopan na estirpe profunda do seu traballo apoiaron, coas súas propias definicións dese "artefacto autodeterminado" que é o poema, o seu razoamento. Para Eduardo Pondal, un "lóstrego escuro". Para Paul Celan, "leite negro da alba". "O poema é un conxunto de ruínas", afirmou Chus Pato, "pero que emite sinais que son desexos de escritura".   

O discurso, titulado Baixo o límite e retrucado polo académico Francisco Fernández Rei, foi dalgún xeito a teorización dunha práctica, a da poesía de Chus Pato, que é determinante para a poesía galega actual. Desde Urania (1991, reeditado o pasado ano) a Carne de Leviatán (2013), a súa obra -se cadra a máis traducida de entre as voces activas- despregouse como un desafío ao reparto policial da literatura e a concepcións restritivas das formas.

Pato enmarcou o acto solemne do seu ingreso na Academia entre dúas perdas, a das poetas Xohana Torres (1931-2017) e Fran Cortegoso (1985-2016). Cun poema deste último, Dedicatoria, pechou o discurso: "Alí onde a lingua perde lugar, / e así a materia toda se expande, / onde se transparenta, / se traspasa a si propia, se mata".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Obra completa e manuscritos

Da centralidade da figura de Chus Pato na poesía galega contemporánea dá idea a iniciativa da editorial e fundación Euseino, que iniciará a publicación da súa obra completa, ao coidado do profesor da Universidade de Santiago Arturo Casas. A maiores, os cadernos manuscritos da poeta pasarán a facer parte do Arquivo Euseino? de Documentación Autorial, que ate agora conta nos seus fondos cos materiais de Carlos Lema, impulsor da editorial.  

"Catorce cadernos profusamente manuscritos pola poeta, nos que se recollen as anotacións que acompañan a xénese de obras como Fascinio (1995), M-Talá e Carne de Leviatán", indican desde Euseino, "e que abranguen un período que vai de 1991 a 2013". A correspondencia electrónica de dez anos entre Pato e Lema completan o fondo.

Chus Pato viaxa ás orixes do poema no seu discurso de ingreso na Academia
comentarios