Contracultura

Christian Pérez: "O máis difícil á hora de facer unha fotografía nun concerto é o ritmo frenético e as luces cambiantes"

Christian Pérez (O Carballiño, 1994) é o fotógrafo oficial do Festival Revenidas, escenario onde puido retratar o artista asturiano Rodrigo Cuevas cunha fotografía que lle valeu o nomeamento como finalista nos Iberian Festival Awards.
O carballiñés Christian Pérez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O carballiñés Christian Pérez. (Foto: Nós Diario)

—Como recibe ser finalista nos Iberian Festival Awards?
Considero que é todo un logro e un recoñecemento ao tempo que levo como fotógrafo. Foi totalmente inesperado chegar a ser finalista porque máis ou menos sabía quen eran outros compañeiros cos que compartía lista e moitos deles son precisamente referentes para min e están entre os profesionais máis recoñecidos.

Independentemente do que pase, xa me considero moi afortunado. Alégrame moito poder ver o meu traballo entre os de todos eles e tamén son consciente que en parte todo isto é grazas ao apoio da miña familia, da miña parella e do propio Festival Revenidas. Gustaríame que este concurso puidese sentar as bases para que o día de mañá profesionais da fotografía que temos na Galiza teñan un maior recoñecemento.

—Cal é a parte máis difícil á hora de facer fotografías neste tipo de eventos?
O máis copmplicado é estar atento ao detalle ou ao momento concreto. Ao final, un concerto ou mesmamente un festival implica un ritmo moi frenético, luces cambiantes, estilos de música que se poden solapar e mudar dun momento a outro. O máis difícil nun contexto así é buscar esa emoción. Na de Rodrigo Cuevas é certo que puiden anticiparme e xogar con certa vantaxe. Desde o departamento de prensa do Revenidas, como cabe esperar, estamos moi pendentes das situacións que poden ter lugar no festival.

Antes de que comezara o concerto eu xa estaba indo cara ao escenario e unha persoa do seu equipo comentoume que el ía saír de entre o público. Así, decidín ir cara a ese punto. É unha foto do inicio do propio concerto e foi feita grazas tamén a que decidín meterme no medio do público. 

—É difícil manter a atención nun contexto así?
Hai certa marxe. Ao final nós, como fotógrafos, somos os primeiros do resto. Primeiro está o escenario para artistas, despois estamos nós e despois vén o público. 
Esta posición dá certa marxe para poder desfrutar e ás veces, para moitas destas fotos, tomarse certo respiro e poder desfrutar tamén se acaba vendo reflectido no traballo. Evidentemente, hai que ser profesionais e sempre hai que intentar facer un bo traballo, sexa o concerto que sexa, mais si que sinto que se pode aproveitar o desfrute para trasladalo á fotografía.

Tomar esa pausa que dicía e respirar tamén axuda a baixar as revolucións e poder fixarte en detalles. Cando facemos as fotos estamos vendo o concerto a través da cámara e, en moitas ocasións, baixala e ver coa nosa propia mirada, permítenos apreciar outros matices.

—Despois de varios anos como fotógrafo do festival, como percibe o traballo realizado desde o Festival Revenidas?
Podo dicir, coa miña experiencia, que o Revenidas é un dos festivais que máis variedade de artistas recolle. Creo que tiran moito pola terra e que incluso dan moitas oportunidades a artistas emerxentes. É un escaparate único. De feito, o ano pasado, a artista que gañou o concurso para poder vir tocar ao festival foi Hydn, e quedamos moi sorprendidos con ela, para ben.

A de Hydn foi unha aposta segura. Ás veces vas con coidado porque non sabes como se poden desenvolver artistas que aínda están comezando, mais neste caso temos que recoñecer que foi todo un terremoto no escenario. Calquera que fora a un concerto dela sabe que é así.

Comentarios