ANTÓNIO ZAMBUJO, MÚSICO

"Chico Buarque é o maior poeta da lingua portuguesa"

O cantor portugués volve de novo a Galiza para presentar o seu novo disco, 'Até pensei que fosse minha', un tributo a Chico Buarque en forma de 16 cancións interpretadas por el que poderemos escoitar en directo o 14 de maio no Auditorio de Galiza en Compostela.

AZ Santiago 300dpi
photo_camera António Zambujo e Chico Buarque

- Vén de presentar 'Até pensei que fose minha', un traballo no que reinterpreta cancións de Chico Buarque. Por que un artista consolidado coma vostede decide facer un disco con cancións doutro artista?  El é un dos seus músicos favoritos, non?
- Si, é por iso, e para homenaxear o que eu creo que é o maior poeta da lingua portuguesa neste momento e por este motivo quixemos facerlle unha homenaxe e gravar este disco. 

- Escolleuno entón polo seu valor poético?
- Poético e musical tamén.

- Despois do de Dylan xa podemos reclamar tamén o Nobel para Buarque...  
- [risos] Non sei... Na miña clasificación el está sen dúbida entre os mellores, mais non somos nós quen decidimos, así que mellor. 

A musica tradicional tamén é moi rica; de ser posíbel acho que os seus autores serían merecentes de calquera tipo de premios que se entregase no mundo. 

- Que outros autores ou autoras acha que poderían levar ese premio pola calidade das súas letras?
- De todo o mundo?

- Si.
- Chet Baker, o Chico...Tanta xente... En España gosto moito de Joaquín Sabina, gosto moito do que el fai. A musica tradicional tamén é moi rica a pesar de termos difícil encontrar os autores, mais de ser posíbel acho que serían merecentes de calquera tipo de premios que se entregase no mundo. 

- Como fixo para escoller as cancións de Buarque? Non son nin as máis coñecidas nin as máis obvias. 
- Si, non tiven un criterio moi concreto. Eu escollín polo gosto persoal e por suxestión das  persoas que tocaron comigo neste disco, principalmente Gonçalves, que é o produtor musical e entre nós fumos collendo as cancións que criamos que podían ficar mellor. Foi moi difícil porque Chico Buarque ten un repertorio vastísimo e todas as músicas son marabillosas polo que é difícil escoller só dezaseis. Quedaron estas dezaseis pero podían ter quedado outras. 

De aí vén o título, 'Até pensei que fosse minha', porque  acabamos por nos apropiar das cancións. 

- Cal é a marca persoal que lle imprime Antonio Zambujo a estas cancións?
- O que intentei foi dar a miña interpretación, a miña visión do poema e da música. E acaba por ser un disco moi persoal por ese motivo. Son eu que estou a pensar, son eu quen estou a gravar, son eu que estou a cantar. E de aí vén o título, 'Até pensei que fosse minha', porque  acabamos por nos apropiar das cancións. 

- Que lle dixo Chico cando escoitou as cancións?
- O Chico gostou do disco. Dixo que era un disco bonito, que había algunhas versións que el consideraba como definitivas e iso deixoume moito máis feliz. 

- No disco fas varios duetos co propio Buarque, con Carminho, con Roberta Sá.  En directo vas facer algún especial con el?
- En directo? Non, non. O meu propósito é facer estes concertos para homenaxear o Chico, non para importunalo. Eu quero homenaxear a súa obra, mais nada. 

A música brasileira é unha grande influencia para min.

- E como vai a ser o concerto de Santiago? 

- Imos ter unha convidada, unha cantante portuguesa, tamén actriz de teatro, que se chama Sara Carinhas, e vai cantar comigo tres músicas. Iremos coa banda toda, iremos  tocar só músicas de Chico Buarte, algunhas que están gravadas no disco e outras que non están gravadas. 

- E non vai cantar ningunha súa? Aínda que lle pidan "Flagrante" non vai haber maneira?
- [risos] Non, neste concerto non, vai ser só Chico Buarque. 

- Teño lido de vostede que é o cantor portugués máis "brasileirizado", por dicilo dalgún xeito, está de acordo?
- A música brasileira é unha grande influencia para min. A forma de cantar de Joao Gilberto [considerado o pioneiro e creador da 'bossa nova'] é unha escola onde eu quixen entrar e eu quixen entender a forma de el cantar. E, de facto, é unha música que me influenciou bastante. Non sei se hai outros cantores portugueses que gosten tanto da música brasileira coma min, mais...

Eu acho que a música é para transmitir unha mensaxe, non é? E, se ten letra, debe engrandecer esa letra.

- Ademais vostede sempre foi moi ben recibido no Brasil, mercado considerado moi autártico, onde é moi difícil de entrar, non?
 -Si, téñense feito unha serie de concertos alá, unha serie de xiras. Desde 2009 imos alá todos os anos, tocamos, gravamos, facemos colaboracións con músicos dalá... Temos unha relación moi boa coa música brasileira, si. 

- Lin unha crítica que di que o mellor de vostede é como entende a letra dunha canción e como transmite o recado do autor. Coincide?
- Eu acho que a música é para transmitir unha mensaxe, non é? E, se ten letra, debe engrandecer esa letra. Entón acho que ese é o obxectivo de quen canta, transmitir esa mensaxe, e iso é o que eu procuro nas miñas interpretacións. 

- Nunca pensou en escribir vostede mesmo as letras?
-Non, non. Non consigo, xa tentei varias veces e non consigo. Gosto de facer músicas, mais as letras non me saen [risos].

Teño moitos amigos aí [en Galiza] con quen non sería difícil facer un disco, con calquera deles. 

- Do seu disco anterior, 'A rúa da emenda', dixo que era a fin dun ciclo. Entón supoño que este é un disco de transición, non ?
-É, é. 

- E xa ten claro por onde vai coller o seu próximo camiño?
-Non, inda non. Tal vez a final do ano, por esa altura, eu me poñerei a pensar o que vou facer, o que vou gravar. Agora estou a compor unhas músicas e tal, mais sen pensar en nada. Só compor, cantar e tocar.

- Volta a Galiza despois de ofrecer hai mes e pico un concerto polo trinta aniversario d’A Casa das Crechas. Ten vostede unha relación intensa con este país. Só falta un disco con algún galego ou galega. 
- Eu xa fixen participacións no disco de Budiño e cantei moitas veces con Uxía. En fin, teño moitos amigos aí con quen non sería difícil facer un disco, con calquera deles. 

Comentarios