venres 14/08/20

O CGAC vese na obriga de reabrir o proceso de elección de director cunha proba de lingua

O CGAC dera por feito que xa tiña novo director, Santiago Olmo. A noticia saíu publicada. Os dous candidatos galegos presentaron alegacións ao proceso. O centro da Xunta, sen máis explicacións, reabre o proceso e convoca aos aspirantes a unha proba de lingua. Será o vindeiro 25 de maio. 

CGAC
CGAC

O día seguinte das eleccións municipais, o CGAC tentará pechar a elección doutro cargo, despois dun complicado proceso que se lle está a torcer á Xunta. O centro de arte que ocupa o edificio deseñado por Alvaro Siza en Compostela reabre, sen moitas máis explicacións, un proceso que daba por concluído e convoca aos tres candidatos finalistas a “efectuar a valoración do coñecemento de linguas de conformidade co establecido nas bases da convocatoria no seu punto 9.2”. 

O cargo que xa tiña nome

A convocatoria dunha nova proba non tería maior relevancia se non for porque o Centro deu por concluído o proceso coa entrevista final que conduciu á cabeceira da carreira pola dirección a Santiago Olmo, candidato que superaba por só unhas décimas ao seu máis inmediato seguidor, o galego Manuel Segade. A noticia saíu publicada nos medios e todo apuntaba en que en poucos días este comisario e crítico de arte, sen experiencia en dirección de centros que era unha condición que primaba a convocatoria, ocupara o posto que deixara vacante o portugués Von Haffe. Ao CGAC apremáballe tamén que alguén se puxera á fronte dunha programación está a piques de rematar, quedando o baleiro despois da previsión deixada polo anterior director. A tal hora, todo apunta a que desde a Xunta terán que buscar vías alternativas diante do retraso do proceso. 

Dado Santiago Olmo como novo director do CGAC, son as alegacións dos dous candidatos galegos e finalistas no proceso, Juan de Nieves e Manuel Segade, os que conducen a reapertura da convocatoria, engadíndose unha proba de linguas que quedaría sen realizar de non ser pola intervención dos dous aspirantes. Os tres están convocados para o vindeiro día 25 no que o xurado composto por José Manuel García Iglesias, Antón Castro, María de Corral e Estrella de Diego se terá que volver a xuntar para dirimir o final do complicado proceso de elección do futuro director do CGAC. 

comentarios