Centenario de Cántigas da Terra: cen anos dun coro a facer país

O 28 de decembro de 1916 nacía na coruñesa Rúa de Panadeiras o Coro Galego Cántigas da Terra. Desde entón e até agora, un século despois, mantén intacto o compromiso co idioma e a cultura de Galiza. 

Cántigas da Terra
photo_camera Imaxe: Cántigas da Terra

Que Cántigas da Terra e as Irmandades da Fala nacesen o mesmo ano, 1916, e na mesma cidade, A Coruña, non se debe en absoluto á simple casualidade. As Irmandades entenderon desde o minuto un que debían plasmar, concretar, os seus ideais de defensa e recuperación da identidade propia. Dese pulo galeguista saíu, o 28 de decembro de 1916 na Rúa de Panadeiras, o Coro Galego ‘Cántigas da Terra’. Foi un parto ambicioso, pois desde o inicio comprometéronse a traballar por difundir todas as manifestacións artísticas e musicais: canto, baile e música propia de Galiza, teatro e poesía en galego... O uso do idioma propio foi desde o comezo selo da casa.

Aquela primeira directiva estaba presidida por Eladio Rodríguez, sendo o secretario Arturo Taracido, o director artístico Leandro Carré e o arquiveiro (e verdadeiro arquitecto do proxecto) Xerardo Roque. Todos eles militantes das Irmandades da Fala.

Manter a dignidade

Cántigas da Terra axiña se fixo un nome. Entón chegou o golpe franquista de 1936, que bateu con saña no galeguismo, o movemento pulmón do coro. Cántigas tivo que se adaptar aos novos tempos para poder sobrevivir. Mais mantivo a dignidade sempre: mantén o canto en galego e négase a integrarse na Sección Femenina.

Aos poucos vai gañando recoñecemento e popularidade: viaxes, actuacións... Un repertorio no que se entrelazan temas de acervo popular con outros compostos polo propio coro e que, co tempo, pasaron ser adoptadas polo pobo como se fosen do seu propio acervo, anónimas e populares.

Grazas á súa participación en 1954 na Bretaña no II Congreso do Mundo Celta, Galiza obtén o recoñecemento como nación celta, abrindo así un camiño que nas décadas posteriores sería moi percorrido por músicos e grupos galegos.

Un século de traxectoria na que os compromisos inciais que callaron naquel 28 de decembro de 1916 en Panadeiras no nacemento do Coro Galego mantéñense vixentes.

Conmemoración

Para conmemorar este centenario organizáronse unha serie de actividades e actos que van decorrer até o verán de 2017. Exposición, edición dun libro con fotografías, un ciclo de coros galegos ou o festival con antigos coristas son algunhas das iniciativas. 

Comentarios