As Corais no Museo do Pobo Galego

Cen anos dignificando o noso folclore

A exposición Son de Galicia chega a Santiago no seu percorrido polas cidades dos catro coros nos que pon o foco: Toxos e Froles, Cántigas da Terra, De Ruada e Cantigas e Agarimos. A mostra, que visibiliza o labor fundamental destas agrupacións, poderá verse no Museo do Pobo Galego até o 3 de decembro.

Coro_Toxos_e_Froles_1934
photo_camera [Foto: galipedia] Coro Toxos e Froles (1934)

As catro corais galegas máis antigas en activo celebraron nos últimos anos o centenario, ou están a piques. Coa efeméride das Irmandades da Fala, puxeron a disposición do Consello da Cultura Galega boa parte do material que tiñan nos arquivos, co gallo de realizaren unha mostra centrada no seu traballo. Así o narra a Sermos Galiza o comisario da exposición, Miguel Anxo Seixas. Após pasar por Ferrol, A Coruña e Ourense, Son de Galicia poderá verse no Museo do Pobo Galego de 10 de outubro a 3 de decembro de 2019.

Trinta paneis compoñen a mostra de carácter divulgativo, que estabelece en primeiro termo unha introdución dos denominadores comúns que unían as diferentes agrupacións corais: o traballo de recollida etnográfica e interpretación musical, o labor filantrópico, as xiras e viaxes, e mais o seu papel determinante nos inicios da actividade teatral. Mais a exposición céntrase en catro corais en concreto, aquelas que son centenarias e seguen vivas: Toxos e Froles (Ferrol, 1914), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), De Ruada (Ourense, 1918) e Cantigas e Agarimos (Santiago, 1921).

Coa efeméride das Irmandades da Fala, puxeron a disposición do Consello da Cultura Galega boa parte do material que tiñan nos arquivos, co gallo de realizaren unha mostra centrada no seu traballo

Ben certo é que a última, a compostelá, non fará oficialmente efectivos os cen anos até 2021. Porén, Seixas argumenta cunha curiosa historia a súa escolla, pois existe un precedente dun coro anterior, Queixumes dos Pinos, que desapareceu por mor dunha epidemia de gripe, mais ficou como cerne de Cantigas e Agarimos.

Verme da curiosidade

Deixando de lado o anecdótico, Son de Galicia configúrase cun sentir pedagóxico, dirixido a toda a comunidade galega. Mais tamén se agocha na intención das súas creadoras un afán de espertar curiosidade, polo que pretende converterse “nunha chamada á investigación e á posta en valor deste campo, que se fagan teses e traballos de fin de grao sobre este tema”, afirma Seixas.

Ao modo máis convencional do discurso expositivo, os textos breves compleméntanse coas ilustracións e materiais gráficos. A isto súmanse unha serie de obxectos en vitrinas: instrumentos, documentos escritos, discos, exemplos de vestimenta e decorado... todos eles rescatados dos arquivos das corais. O audiovisual, grazas á colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), deixa constancia desde as primeiras gravacións silentes a aquelas xa máis actuais das actuacións dos diferentes grupos. Mais o que de ningún xeito podería faltar nunha exposición que protagoniza a música son as pezas que as propias corais escolleron e que o visitante pode escoitar nunhas cabinas.

Embaixadoras da cultura

As corais desenvolveron un rol fundamental como embaixadoras da cultura galega, co que chegaron a acadar moito prestixio, a pesar das dificultades de “exportar”. Seixas explica a “falta de recursos financeiros” destas agrupacións, que sobrevivían a miúdo de escasas subvencións, donativos de filántropos ou de artistas que achegaban o obtido en poxas das súas propias obras. Tamén as diferenzas lingüísticas xogaban para el como obstáculos na súa contra. Mais ao ser a música, na súa opinión, “moi dixeríbel”, tiveron en xeral boa acollida “polo que tiñan tamén de exótico”. Viaxaron a máis de setenta lugares de todo o mundo, como Lorient, Brest, Madrid, Avilés, Suíza, Venezuela ou Londres.

As corais non só foron grandes divulgadoras de cantigas populares, senón tamén de autoras galegas cuxos versos musicaban ou cuxas pezas teatrais interpretaban

A organización explica que as corais conseguiron “reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no marco dunha Galiza ruralizada”. Tratábase de converter o tradicional, aínda cultura viva en moitos lugares, en carne de escenario para darlle un valor que en moitos casos aínda se lle negaba. Neste senso, as corais non só foron grandes divulgadoras de cantigas populares, senón tamén de autoras galegas cuxos versos musicaban ou cuxas pezas teatrais interpretaban, combinando todas as artes.

Creadas co espírito do romanticismo, baixo o pulo das Irmandades da Fala, estas agrupacións tiveron o seu período de explosión de 1916 a 1936. Aínda que a súa actividade diminuíu co franquismo, moitas mantivéronse activas, pois encaixaban na visión folclórica do réxime, dentro das accións quer da Sección Feminina, quer das agrupacións de Coros y Danzas.

A exposición Son de Galicia deixa constancia de todo isto, mais atende ao mesmo tempo aos aspectos máis humanos, como as tensións internas dos propios grupos ou a solidariedade que exercían con certas causas galeguistas. Sen dúbida, unha boa oportunidade para aprender máis sobre as nosas orixes, nun ano no que as letras galegas decidiron precisamente homenaxear, por vía da figura de Antón Fraguas, a propia dignidade da cultura popular.

Comentarios