O CCG documenta os inicios do teatro profesional galego nunha serie

Entrevistouse a 28 figuras, entre actores, dramaturgos, escenógrafos, activistas teatrais ou xestores culturais que dan conta dos procesos de formación de grupos, dos debates e dos fitos dos primeiros anos do teatro galego contemporáneo.

Un fotograma da serie documental
photo_camera Un fotograma da serie documental

Ao final do franquismo xurdiron na Galiza diferentes iniciativas ao redor das artes escénicas. Compañías afeccionadas, festivais ou xornadas de teatro, aquel fervedoiro acabou cristalizando no nacemento do teatro galego profesional. Para preservar a memoria dese período, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou onte os primeiros dous episodios da serie Memoria do teatro galego na Transición, xa accesíbeis no web oficial do CCG.

O teatro é hoxe unha das principais marcas da cultura galega moderna, pero até agora carecía dun rexistro audiovisual amplo que preservara a memoria oral dos inicios da súa profesionalización, entre os anos 70 e 80. Para compilar esa memoria entrevistouse 28 figuras da escena que dan conta dos procesos de formación de grupos, dos debates e dos fitos dos primeiros anos do teatro galego contemporáneo.

No acto de presentación da serie Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura destacou que o proxecto nace da "necesidade de xerar recursos sobre o nacemento do teatro profesional, e era fundamental que os protagonistas puideran dar a súa visión". Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro, estaba preocupado porque "os anos pasan e corriamos o risco de ficar sen esas voces e esa memoria dos protagonistas, e a nosa obriga é deixar todo ben documentado para as vindeiras xeracións".

Tito Asorey, director do proxecto, indicou que cando a súa xeración (naceu en 1977) se incorporou ás artes escénicas, "a casa xa estaba feita. Este proxecto permitiume saber como se fixera". Asorey explicou que fican xa unhas 60 horas de gravacións a disposición dos investigadores. 

Os episodios

A primeira das pezas indaga nos primeiros inicios dos 70 a través dunha longa entrevista a Manuel Lourenzo, que se complementa con achegas de Xúlio Lago, Xerome Calero, María Xosé Porteiro, Eduardo Alonso, Luisa Merelas, Manuel Amenedo, Laura Ponte, Luma Gómez, Antonio Simón ou Cándido Pazó. O documental narra tamén o retorno dos profesionais galegos que estaban en Madrid traballando no teatro independente.

O segundo dos documentais detense na Mostra de Teatro Galego de Ribadavia, promovida pola Asociación Cultural Abrente, que entre 1973 e 1980 foi fundamental para vertebrar e crear un lugar de diálogo para todos os interesados no teatro. Neste documental participan os integrantes do Abrente de aquela, como Luisa Escudero, José Luis Chao, a tamén actriz Rosa Álvarez, Isolina Rionegro, e profesionais como Manuel Lourenzo, Xosé Manuel Rabón, Euloxio R. Ruibal, María Costas, Manuel Amenedo, Manuel Guede, Mabel Rivera ou Antonio Durán Morris, entre outros.

As pezas, que duran entre 40 e 45 minutos, están dirixidas por Tito Asorey, con Jairo Iglesias na edición audiovisual, baixo a coordinación da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. Durante este 2024 produciranse outras dúas pezas que darán conta do proceso de institucionalización do teatro galego e sobre a presenza da muller nas artes escénicas.

Comentarios