Tito Asorey: "Un podcast sobre 'A Camisa' non invalida que a peza poida realizarse nun escenario"

A Camisa, obra emblemática do teatro social escrita por Lauro Olmo, chegou en formato podcast e a partir da tradución ao galego de Ramón de Valenzuela. A peza, dividida en cinco episodios, comezou a súa andaina a pasada sexta feira na web do Consello da Cultura Galega (CCG). Nós Diario conversa sobre ela co seu director e responsábel da dramaturxia, Tito Asorey.  
O director e actor Tito Asorey, é o responsábel da dramaturxia desta peza traducida por Ramón de Valenzuela (Foto: Ars Lumen).
photo_camera O director e actor Tito Asorey, é o responsábel da dramaturxia desta peza traducida por Ramón de Valenzuela (Foto: Ars Lumen).

Como nace o proxecto de A Camisa?

Foi un encargo do Concello do Barco de Valdeorras á Quinta do Cuadrante, que somos Melania Cruz e mais eu. Recibiran unha chamada de Gustavo Docampo, o programador do teatro Lauro Olmo. Comentara a posibilidade de, ao ser este ano o aniversario do autor, facer unha ficción sonora sobre A Camisa, a obra que gañara o Premio Nacional de Teatro. A min encantoume a idea. Xa fixeramos co Consello da Cultura Galega a ficción sonora A Lindona da Galiza e quedamos moi contentos dese proxecto. Como empregamos a tradución de Ramón de Valenzuela, o CCG tamén entrou na produción.  

Lauro Olmo e Ramón de Valenzuela, emigración e exilio. Cómpre lembrar as figuras que tiveron que abandonar o país?

Era unha peza que eu coñecía pouco. Estudeina a fondo e decateime de que era moi actual. Resoábame dobremente. Por un lado, estaba viaxando ao mundo dos meus pais, que tamén estiveron na emigración en Xenebra. A miña irmá aínda vive alí. Era ese mundo da España dos anos 60 da que eu imaxinaba que querían saír para ter un futuro mellor. Por outro lado non deixa de tratar da emigración que agora hai e onde a xente busca a vida como pode, tamén procurando oportunidades que este país non lle ofrece.

Segue habendo emigración. Oxalá os políticos se preocupasen de que a xente poida ficar aquí. É unha peza con moito poder hoxe en día.  

Segue habendo emigración. Oxalá os políticos se preocupasen de que a xente poida ficar aquí

Como foi esa adaptación ao formato podcast? Ten certa semellanza ás adaptacións sonoras que se facían para a radio.

O mundo das telenovelas vivino moi de neno. Si que foi importante para a miña nai, que lembra terse pegado á radio. Para min foi un pracer total crear algo así. Ten algo diso. Son cinco capítulos que eu quería que tivesen ese pouso dese momento dos anos 60, de como era aquela radio. A dramaturxia, evidentemente, tes que traballala. Primeiro hai que reducir moito o texto para adaptalo ao tempo de cada episodio. Despois tes que facer que se entenda todo só co son. Foi co que tiven un especial coidado. 

A Camisa é unha peza, como todo teatro, que se fixo para ser vista. Por ese motivo hai moitas cousas que se explican con imaxes. Hai escenas encabalgadas. O que fixen foi pulir todo iso para que o ouvinte non se perda nesas escenas múltiples que aparecen na obra.

Se Olmo ten unha linguaxe moito máis madrileña, Valenzuela transfórmaa nunha peza galega

Transcorre nun patio de veciños, de chabolas, no Madrid escrito polo autor e que Ramón de Valenzuela traslada á Galiza. Se Olmo ten unha linguaxe moito máis madrileña, Valenzuela transfórmaa nunha peza galega. Todo un acerto, non tería sentido situala en Madrid aínda que os personaxes falasen en galego. A intelixencia de ver que a emigración pode estar nun barrio de Madrid mais tamén noutro dunha vila galega.   

As novas tecnoloxías axudan ou prexudican o teatro?  

Creo que en ningún caso prexudicarán. Son formatos totalmente compatíbeis. É tratar de contar a historia de moitas maneiras posíbeis. Tes o exemplo de Fariña, un proxecto no que tamén estou metido, que foi serie, banda deseñada, obra de teatro e podería ser podcast ou un musical. Podería ser mil cousas. Todo o que sexa explorar formatos dá riqueza. 

Que haxa un podcast sobre A Camisa non invalida que esta peza poida realizarse nun escenario. O que se di que o traballo chama ao traballo: Que se fale dunha peza chama a que esa peza apareza na escena pública e iso é importante. É unha maneira de que ese texto se coñeza. Evidentemente o teatro faise para ser posto en escena mais todas estas son outras posibilidades. É como o tema dos audiolibros no que tamén traballo. É imposíbel que rematen cos libros en papel, creo que teñen unha saúde de ferro.

Comentarios