O catedrático Darío Villanueva, Premio Otero Pedrayo 2023

É autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán; e publicou, como autor único ou colaborador, medio centenar de libros sobre crítica e teoría da literatura.
Reunión do xurado, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión do xurado, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O xurado acordou outorgar o Premio Otero Pedrayo 2023 ao académico e crítico literario Francisco Darío Villanueva Prieto. O fallo comunicouse tras unha longa reunión que mantiveron os seus membros na tarde desta segunda feira no Pazo de San Marcos para valoraren e votaren as distintas candidaturas presentadas. Alén da candidatura premiada, presentada pola Xunta da Galiza, presentáronse a do grupo musical Fuxan Os Ventos, por parte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e a do filólogo e estudoso da tradición oral Domingo Blanco, por parte da Asociación Oral da Galiza.

Tras a deliberación do xurado, composto por representantes do Goberno galego, as catro deputacións provinciais, as tres universidades, a Real Academia Galega, o Instituto Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo, e presidido polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, procedeuse á votación das candidaturas. E Darío Villanueva foi elixido na segunda rolda, grazas ao voto de calidade da Presidencia do xurado, após un empate a votos entre a súa candidatura e a de Fuxan Os Ventos.

Darío Villanueva

Darío Villanueva (Vilalba, Terra Chá, 1950) é catedrático de Teoría da Literatura e de Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi reitor entre 1994 e 2002. No ano 2007 ingresou na Real Academia Española, que dirixiu de 2014 a 2018.

É autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán; e publicou, como autor único ou colaborador, medio centenar de libros sobre crítica e teoría da literatura. As súas últimas publicacións son De los trabajos y los días: filologías (2020), Morderse la lengua. Corrección política y posverdad (2021) e Poderes de la palabra (2023).

Premio Otero Pedrayo

O Premio Otero Pedrayo creouse en 1977 co obxectivo de preservar  a memoria de Otero Pedrayo e recoñecer a labor de contribución á cultura, aos valores propios de Galiza e á mellora da súa cidadanía e institucións de persoas particulares ou entidades e conta cunha dotación de 16.000 euros.A organización corresponde de forma rotatoria ás deputacións provinciais, que colaboran tamén na dotación do premio.

Comentarios