O castro da Maradona podería albergar a sétima sauna catalogada na Galiza

O novo xacemento arqueolóxico de Barreiros precisaría ser escavado para confirmar a precensa dunha sauna. Trataríase da sétima catalogada na Galiza.
Posíbel sauna do castro da Maradona, en Barreiros.
photo_camera Posíbel sauna do castro da Maradona, en Barreiros.

As asociacións culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir un novo castro no lugar da Maradona, parroquia de San Xusto de Cabarcos no Concello de Barreiros, na Mariña. 

Este novo espazo arqueolóxico foi localizado tras a corta duns eucaliptos, que ocultaban o xacemento. O castro está situado nun esporón rochoso a modo de península, entre o río Masma e o rego Puxigo. No istmo desta porción de terra, sinalan os colectivos patrimoniais, achouse "un impresionante foxo picado na rocha que se converte en foxo dobre na metade do seu traxecto". 

Sauna castrexa

No interior do castro, os descubridores identificaron unha edificación parcialmente desenterrada na entrada, na que se pode ver un muro recto duns tres metros que remata nunha cabeceira semicircular. "Esta edificación semella que conserva o arranque dunha falsa bóveda construída por aproximación de fiadas. Tanto polas características desta construción como pola súa localización podería tratarse dunha sauna castrexa", aseguran.

Na Galiza só se coñecen as saunas castrexas de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños), Espasante (Ortigueira), O Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a da Atalaia (Cervo). Así, de se confirmar como sauna a edificación do castro da Maradona, sería a sétima descrita no territorio.

Tras a descuberta deste novo xacemento en Barreiros, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo informaron ao Servizo de Arqueoloxía de Santiago de Compostela do seu achado, unha vez confirmaron que non figuraba no Catálogo de Bens Patrimoniais.

Protección

Doutra banda, ante a posibilidade de que os labores de repoboación que poidan iniciar na zona afecten o xacemento, ambos os colectivos solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural "as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial", que delegou nos servizos de Vixilancia e Patrimonio de Lugo. Con todo, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo acordaron unha entrevista coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informar a Administración local da descuberta do novo xacemento. As xestións iniciadas pola rexedora facilitaron a visita dun arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía de Santiago que, após inspeccionar o xacemento, confirmou a existencia do castro e sinalou que a necesidade dunha escavación para asegurar a presenza da sauna castrexa.

Comentarios