venres 15/10/21

O castelo de Sobroso, máis preto do aproveitamento museístico

A Deputación de Pontevedra anunciou esta segunda feira a adxudicación das obras da última fase deste proxecto. Investiranse máis de 260.000 euros para crear unha experiencia audiovisual neste espazo que enriqueza a visita das e dos turistas.

Vista aérea do Castelo de Sobroso. (Foto: Concello de Ponteareas)
Vista aérea do Castelo de Sobroso. (Foto: Concello de Ponteareas)

A musealización do castelo de Sobroso, en Mondariz pero parte do patrimonio do concello de Ponteareas, está na súa última fase para facer deste espazo outro atractivo turístico ao nivel do castelo de Soutomaior.

A Deputación de Pontevedra informou hoxe da contratación dos traballos para a execución dun proxecto audiovisual que complete os atractivos que fornece o conxunto monumental do século X.

A institución vai destinar 261.631 euros a esta última etapa da iniciativa, coa que se pretende crear unha experiencia única para as e os visitantes.

A empresa Intervento2 será a encargada do deseño, instalación e posta en marcha dun novo equipamento para o museo que irá “acorde coas tendencias da demanda turística, convertendo a visita a Sobroso nunha experiencia na que se mestura a aprendizaxe co entretemento”.

Entre outras cousas, a fortaleza contará cunha visita teatralizada dunha hora de duración. Haberá oferta en galego, castelán e inglés e seguirase un protocolo antiCovid mentres dure a alerta sanitaria.

O itinerario percorrerá sete salas temáticas que van desde a paisaxe até a historia do castelo na Ideade Media, pasando pola súa destrución e recuperación. Será unha fórmula a maiores para aproveitar este espazo, posto que a Deputación xa viña organizando actividades no complexo o verán pasado.

“A terraza, equipada con atrís con imaxes panorámicas e perfís para recoñecer os fitos xeográficos da paisaxe, pon punto final á experiencia museográfica de Sobroso e está chamada a converterse nunha nova referencia obrigada para o turismo de Pontevedra”, informan fontes da Deputación.

comentarios