A Deputación impulsará o castelo de Sobroso como centro do turismo experiencial

Carmela Silva anunciou hoxe que se fará unha inversión de 300.000 euros para rematar os arranxos na fortaleza e organizar itinerarios históricos apoiados en efectos de luz e son. O obxectivo é que este inmoble propiedade do Concello de Ponteareas e situado no municipio de Mondariz sexa lugar de visita para as e os galegos e mesmo xente de fóra.
Vista do castelo do Sobroso, en Mondariz. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Vista do castelo do Sobroso, en Mondariz. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Após un verán de actividades artísticas na fortaleza -que compartiu éxitos con Soutomaior-, a Deputación de Pontevedra decidiu lanzar un “vangardista” proxecto para musealizar o castelo de Sobroso, que pertence ao Concello de Ponteareas.

A presidenta da institución, Carmela Silva, que hoxe estivo acompañada do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, explicou que a iniciativa que “falará da historia, do patrimonio e da cultura” contará cun orzamento de 300.000 euros.

Na práctica, o que se vai ofertar son visitas a este espazo histórico para dalo a coñecer e que sexa un activo turístico máis, como xa o é o castelo de Soutomaior. A pretensión de Silva é que chegue a ser “unha referencia turística de primeiro nivel da Galiza”.

Para empezar, vaise licitar o contrato para organizar as visitas e facer os arranxos necesarios, para o que se dará un prazo de catro meses. Porén, tamén o Concello de Ponteareas terá voz e voto xa que o inmoble é da súa propiedade malia estar no tempo municipal de Mondariz.

Represas comentou que non se trata dun proxecto “local” senón de país. Desde o seu punto de vista, Sobroso pasou dunha situación “de abandono a un esforzo incomparábel de recuperación e posta en valor”.

De feito, os 300.000 euros súmanse a máis dun millón que se leva invertido nos últimos cinco anos.

Para o turismo, o que se avanzou esta sexta feira é que os itinerarios pola fortaleza durarán unha hora e serán con grupos reducidos de até 15 participantes. Haberá oportunidade de visitar estancias dos “dous corpos arquitectónicos do castelo”.

Á experiencia sumaranse sete elementos audiovisuais co “apoio decidido nas tecnoloxías de luz e son do século XXI para mergullarse na historia”.

Comentarios