xoves 09.04.2020

Carvalho Calero terá a súa propia novela gráfica, para a que se abrirá unha campaña de mecenado online

Iván Suárez, premio Castelao de Banda Deseñada, será o responábel gráfico da obra, que editarán Através Editora e Demo Editorial.


 

Carvalho Calero terá a súa propia novela gráfica, para a que se abrirá unha campaña de mecenado online

Ricardo Carvalho Calero terá o seu espazo no mundo da novela gráfica a través dun proxecto impulsado por diversos autores e apadriñado por Através Editora e Demo Editorial.

Xico Paradelo, Irene Veiga e Iván Suárez están a cargo desta iniciativa, que propoñen como "unha viaxe no tempo até o Ferrol de comezos do século XX, no que o neno Ricardo Carvalho Calero naceu".

BD

Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra preséntase como unha obra de ficción, pero toma a súa base de feitos reais e recolle textos do propio autor para ilustrar a vida do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.

A novela gráfica contará, ao longo de máis dun cento de páxinas e diferentes capítulos independentes, unha serie de etapas e efemérides transcendentais da historia de Galiza nos que o intelectual tivo o seu papel.

A historia comeza en Lisboa no 96, nunha realidade alternativa na que 'Don Ricardo' vai tomar a palabra no acto da fundación da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, imaxinando como a súa vida se o pasado transcorrese de forma diferente.

Con textos de Xico Paradelo, en colaboración con Irene Veiga e Carlos Rafael, a obra ofrécenos un retrato do galeguismo dos anos 20, a Xeración Nós, a Guerra Civil e a represión ou a chegada da lingua ao mundo universitario, e propón unha reflexión a partir da traxectoria vital do intelectual ferrolán sobre a construción da lingua e a cultura actuais.

O responsable gráfico do proxecto é Iván Suárez, artista recoñecido en 2011 co Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra 'Titoán', publicada por Demo Editorial.

O proxecto contará, ademais, cunha campaña de 'crowdfunding' a través da plataforma 'Verkami' coa que buscan a colaboración de calquera particular interesado, e que arrincará eesta sexta feira.

comentarios