sábado 11.07.2020

Carvalho Calero e Cunqueiro

Alén da paixón pola lingua, a cultura e a literatura galegas, Ricardo Carvalho Calero e Álvaro Cunqueiro partillaron unha fonda amizade ao longo das súas vidas, desde que se coñeceron sendo mozos na cidade compostelá.
Carvalho Calero (dereita) con Cunqueiro (esquerda) e Fernández del Riego (centro) en Compostela nos anos trinta.
Carvalho Calero (dereita) con Cunqueiro (esquerda) e Fernández del Riego (centro) en Compostela nos anos trinta.

R icardo Carvalho Calero nacera no Ferrol e amaba fondamente os seus eidos natais, como tamén devocionaba a Compostela na que se fixo universitario e na que pasou o último cuarto de século de vida sendo o gran profesor, estudoso e escritor que todos recoñecemos nel. Mais, xunto con estas dúas cidades, Lugo foi o espazo ao que máis intimamente se sentiu vencellado. E isto foi así tanto dende a vertente sentimental (namorou e casou con María Ignacia Ramos Díez, nacida no Cádavo e medrada na rúa de San Roque de Lugo), dende a profesional e vivencial (residiu en Lugo e foi profesor e director do Colexio Fingoy durante tres lustros, entre 1950 e 1965) e tamén dende a autorial (na cidade amurallada xestou e publicou gran parte da súa obra maior, tanto poética e narrativa coma ensaística).

De por parte, o Lugo de Posguerra foi para Carvalho Calero o espazo cotián no que departir e compartir angueiras cos amigos e colegas escritores, por veces no Círculo das Artes (onde conferenciou en diversas ocasións), mais con frecuencia nas mesas do Café Méndez Núñez, nas que durante lustros se reuniu un célebre faladoiro do que foron seareiros habituais moitos dos escritores que vivían na cidade ou a visitaban.

Carvalho Calero estudou e analizou moita da escrita dos seus coetáneos lugueses, mais hai algúns nomes e obras aos que dedicou especial atención. Entre eles a poesía de Pimentel e Iglesia Alvariño ou a narrativa de Fole, tamén o ensaísmo de Fernández del Riego e Piñeiro, aos que habería que sumar o seguimento puntual doutros poetas máis novos como Manuel María e Novoneyra.

Agora ben, se hai un escritor norlucense ao que Carvalho Calero se sentiu particularmente vinculado, amigable, autorial e admirativamente, ese foi, sen dúbida ningunha, Álvaro Cunqueiro.

Cunqueiro e Carvalho Calero coñecéronse sendo estudantes na Compostela de finais dos anos vinte e primeiros trinta. Daqueles tempos fica unha instantánea, xa histórica, onde están co común amigo Francisco Fernández del Riego. Cunqueiro chegara á universidade compostelá despois de facer o bacharelato en Lugo, onde fora condiscípulo de Ignacia Ramos, a que pronto había ser muller do seu amigo Carvalho Calero, e compartiu co de Ferrol, dende a primeira hora, leceres intelectuais (faladoiros no Derby e no Español, asistencia a conferencias e exposicións), adhesións sociopolíticas (os dous militaron nas filas do Partido Galeguista, con responsabilidades diversas) e tamén iniciativas publicistas e editoriais: os dous dan a coñecer os seus primeiros libros de poesía en galego nese tempo; Carvalho Calero, Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934); Cunqueiro, Mar ao norde (1932), Poemas do si e non (1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933). Varios destes libros saíron, amais, do prelo de Casal, común amigo de ambos, e constituíron unha achega decisiva á poesía galega de Preguerra, que o propio Carvalho Calero saudaba e analizaba xa naquela altura, salientando e loando a arte do seu compañeiro Cunqueiro en artigos como “Ollada encol da lírica galega contemporánea” (Nós, 87, 1931) ou “Balance e inventario da nosa literatura” (Nós, 108, 1932). En xusta correspondencia, Cunqueiro inseriu composicións de Carvalho Calero na revista Galiza, que dirixía en Mondoñedo, e velaí os están “Cançon das lavandeiras”, “Medra a lua” e “Aperta” nos tres primeiros números da revista, publicados entre 1930 e 1932.

Que o entón mozo Carvalho Calero recoñecía o singular talento literario de Cunqueiro fica claro nas respostas que a primeiros de 1936 deu ao famoso “inquérito” para a ideada Antoloxía de poesía galega que o SEG encargara a Xosé Filgueira Valverde. Alí, acláralle ao polígrafo pontevedrés: “Dos poetas mozos, Bouza Brey representa a máisima realización e Álvaro Cunqueiro a máisima posibilidade”. E ante a pregunta de onde lle gustaría aparecer situado na escolma engade: “Quixera ocupar na Antoloxía un lugar antre Euxenio Montes e Cunqueiro, despóis do primeiro e denantes do segundo. Falando dos poetas que teñen pubricado libros, considero a miña estética menos avanzada ou estremada que a de Manuel Antonio e Cunqueiro e máis avanzada que a de todos os máis”.

Esa andaina irmandada como poetas continuou na Posguerra. Carvalho Calero e Cunqueiro forman parte da escolleita nómina que veu os seus versos recollidos na histórica colección Benito Soto de Pontevedra; o de Ferrol, con Anxo da terra (1950), o de Mondoñedo con Dona do corpo delgado (1950). E tamén compartiron cabeceira nos casos de Mensajes de Poesía, Alba e Aturuxo, esta última, por certo, impulsada dende Ferrol co decisivo apoio de Carvalho Calero.

A longo dos anos sesenta, setenta e oitenta, Carvalho Calero e Cunqueiro non deixaron de seguir atenta e xenerosamente un a obra do outro, enviándose os seus libros dedicados. Carvalho Calero recensionou, entre outros, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca en Vida Gallega; a lectura escenificada de A noite vai coma un río no Faro de Vigo; As crónicas do sochantre novamente en Vida Gallega; Se o vello Sinbad volvese ás illas outra volta no Faro de Vigo; e Un hombre que se parecía a Orestes en Grial e, sobre todo, dedicoulle capítulo propio na súa magna Historia da literatura galega contemporánea (1963).

Cunqueiro, pola súa banda, saudou dende as ondas de Radio Nacional de España na Coruña o 20 de novembro de 1961 a aparición de Salterio de Fingoy, obra, gababa, “dun gran poeta galego”. Tanta e tan fonda foi a estimanza que, cando Cunqueiro ingresou na Real Academia Galega o 21 de abril de 1963, fíxoo á proposta de Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell e, como non, Ricardo Carvalho Calero, pois este xa era académico de número dende o 17 de maio de 1958.

Un último episodio evidencia a fraternidade persoal e respecto e admiración mutuas que se profesaron: Cunqueiro foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Santiago o 28 de xaneiro de 1980. O principal promotor de tal nomeamento foi Carvalho Calero, catedrático de Lingüística e Literatura Galega. El foi quen lle impuxo a medalla da universidade naquel acto e quen pronunciou un sentido discurso de recoñecemento no que remataba parabenizando “ao meu amigo Álvaro, ao meu irmán Álvaro, poetae tenero, meo sodali”. O doce poeta, o irmán ao que dedicou un longo texto recollido en Futuro condicional (1982) no que xunguía as súas voces, fillo de Eva o ferrolán e de Lilith o mindoniense, mais ambos os dous descendentes de Adán, fraternos por sempre, como a cauda daqueles versos: “Por riba de Lilith, de riso tolo e lume,/ e de Eva, de terra e doce pranto,/ na fraternidade paterna, vello Álvaro,/ recebe a aperta do teu irmán,/ Ricardo”.

comentarios