CONTRACULTURA

Carlos Portela, guionista de 'Contrition': "A reincidencia dos delincuentes sexuais abre o debate sobre que facer con estas persoas"

Carlos Portela (Vigo, 1967) é o guionista de Contrition, a banda deseñada galardoada co Premio Fauve Polar SCNF no Festival de Angôuleme. A obra, ilustrada por Keko, aborda cuestións como a reinserción dos delincuentes sexuais, a orixe deste tipo de condutas e a protección da infancia. 
Carlos Portela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carlos Portela. (Foto: Nós Diario)

Como xurdiu a idea para Contrition?

Eu estaba buscando un libro de arte nunha web americana e cheguei a unha obra de Sofía Valiente que recollía as súas fotografías en Miracle Village, unha localidade de Palm Beach (Florida, Estados Unidos) na que viven ex convictos condenados por pederastia, violación e acoso sexual. Impactoume moito e comecei a facer unha investigación, que me levou moito tempo, xa que quería saber exactamente como estaba organizada a policía, o sistema penitenciario e demais. 

Todo o que aparece na obra é real. E engadido a isto tiña que armar toda a trama temporal e a parte de ficción que contén a historia para que as pezas fosen encaixando. Cando xa tiña todo máis ou menos definido, contactei con Keko. Aínda non traballaramos nunca xuntos, mais eu teño a norma, en banda deseñada, de traballar só con xente coa que teño unha relación e nós levamos sendo amigos xa moitos anos. E, de feito, eu creo que a historia mellorou moito grazas á súa ilustración e funcionou tan ben que xa estamos comezando a traballar nunha segunda parte seguindo á mesma protagonista dez anos despois desta historia. 

En que sentido lle interesaba falar desta localidade de Palm Beach (EUA)?

Creo que é un tema moi complexo. O modelo europeo baséase, en teoría, na reinserción despois dun período de privación de liberdade. Nos Estados Unidos séguese un modelo que busca apartar a xente da sociedade e converter estas persoas en elementos produtivos dentro da propia cadea. Moitas veces as prisións tamén poden ser privadas, de maneira que as persoas deben pagar a súa estancia nelas dalgunha maneira. 

A primeira reflexión que quería facer con Contrition é, precisamente, se realmente non queren deixar saír estas persoas e pensan que non teñen cura, por que liberalas para despois metelas nun gueto ao aire libre como é Miracle Village. Por outra parte, son un tipo de delincuentes que dentro da prisión teñen un bo comportamento, supoño que porque o seu obxecto de desexo non está presente. Non obstante, en canto saen á rúa teñen unha alta taxa de reincidencia, o cal abre este debate de que facemos con estas persoas e como encaixa isto coa protección á infancia. Non é unha resposta doada, tampouco creo que sexa global nin que se poida aplicar a todas as persoas, e desde logo eu non a teño. Como pai dunha nena, é algo que me tocou moito porque, ás veces, resultábame moi complicado á hora de escribir os personaxes e intentar pórme no seu lugar. 

Tamén é unha reflexión arredor da violencia en si mesma, non?

Claro, hai unha banalización da violencia que nos fai desconectarnos. Por iso tamén queriamos darlle á obra un final realista, non típico de Hollywood. Estamos tan afeitos que parece que a solución é pegar un par de tiros, cando na vida real non é tan doado dar ese paso ou chegar até ese punto. 

De onde vén a esencia do mal é outra reflexión que está presente. Se é algo psicolóxico e propio do individuo ou se vén do ambiente e o contexto, ou unha mestura de ambas claro. Eu son máis de facer preguntas que de dar respostas, tamén porque creo que a medida que se van facendo estas reflexións podemos chegar a sacar as nosas propias conclusións, que non teñen que ser necesariamente as mesmas que as da persoa que as escribe. 

Comentarios